Santiago, 19 de setembro de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que solicita a realización dun estudo xurídico que analice a posibilidade e os mecanismos legais que permitan incorporar o Pazo de Meirás ao patrimonio público. Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, tamén avanzou que o Debate sobre o Estado da Autonomía celebrarase os días 4, 5 e 6 de outubro.
Puy explicou que o Debate sobre o Estado da Autonomía dará comezo na mañá do día 4 de outubro coa intervención do Presidente da Xunta, á que seguirá pola tarde o debate cos portavoces parlamentarios. Ao día seguinte, procederase ao rexistro das propostas de resolución por parte dos grupos parlamentarios e as negociacións para as posibles transaccións. Por último, o día 6 de outubro celebrarase o debate das propostas de resolución.
PREVENCIÓN DO SUICIDIO
Polo que respecta á sesión plenaria da próxima semana, dará comezo coa designación dun membro do Consello Social da Universidade de A Coruña e o debate para a súa aprobación do proxecto de lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia. A continuación, terá lugar a comparecencia do conselleiro de Sanidade para informar do plan de prevención do suicidio, dirixido a minimizar este problema na Comunidade galega.
O Grupo Popular defenderá neste Pleno dúas proposicións non de lei. A primeira ten como obxectivo da constitución dunha comisión que analice histórica e xuridicamente os mecanismos a través dos que o Pazo de Meirás poida pasar a integrar o patrimonio público galego.
Pedro Puy reiterou que “entendemos que esta propiedade ten que estar en mans do pobo galego pola forma na que se adquiriu” e sinalou que a partir das conclusións ás que chegue esta comisión de expertos “poderemos actuar en consecuencia co obxectivo de incorporar o Pazo de Meirás ao patrimonio público”.
MELLORA DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO EN A CORUÑA
A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo a creación, entre a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial, dunha mesa do Camiño de Santiago na provincia de A Coruña para a promoción e mellora das rutas xacobeas que discorren integramente por esta provincia: o Camiño Inglés e a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía.
Así mesmo, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a situación na que se atopa o proceso de ampliación do Hospital Montecelo de Pontevedra e as accións que ten previsto realizar para acadar o obxectivo de implantar o plan de accesibilidade do transporte metropolitano na cidade de A Coruña.
INFORME XURÍDICO SOBRE O TRASPASO DA AP-9
O portavoz popular tamén explicou que na Xunta de Portavoces acordouse solicitar aos Servizos Xurídicos do Parlamento galego un informe no que se especifiquen as accións xurídicas que se poden emprender respecto do veto da Mesa do Congreso dos Deputados a debater a proposición de lei para o traspaso da AP-9 a Galicia.
“Á espera do que recolla este informe dos servizos xurídicos do Parlamento, imos seguir defendendo a transferencia desta autopista”, sinalou Puy.