Santiago, 13 de decembro de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana que a Comisión Mixta Ministerio de Fomento-Xunta de Galicia estude a supresión da peaxe de Rande aos usuarios da AP-9 entre Redondela e Vigo, así como a dotación de aseos adaptados para pacientes ostomizados en todos os edificios da Xunta.
O portavoz popular, Pedro Puy, lembrou que este Pleno ordinario, que dará comezo o martes 19 pola tarde logo do pleno extraordinario para a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2018, debaterá a toma en consideración da proposición de Lei de iniciativa lexislativa popular de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico; así como a aprobación dos proxectos de Lei de medidas fiscais e administrativas, e de espectáculos públicos e actividades recreativas.
ELIMINACIÓN PEAXES
Puy recoñeceu que a parroquia de Chapela en Redondela “ven sufrindo os inconvenientes derivados da súa condición xeográfica” en relación coa autoestrada AP-9. Deste xeito, a proposición non de lei do Grupo Popular solicita que a Comisión Mixta entre o Ministerio de Fomento e a Xunta avalíe as posibilidade de actuar sobre a peaxe no tramo Redondela-Vigo, en condicións de uso equiparables ao tramo da AP-9 comprendido entre Vigo e o Morrazo, así como outras actuacións que van desde a insonorización da autoestrada, a reclasificación urbanística da Finca da Ginaria para construír un novo centro escolar, e outras melloras no ámbito da seguridade viaria, accesibilidade e mobilidade peonil.
Neste ámbito, cuestionado sobre a suba das peaxes na AP-9, o portavoz popular reiterou que “están moi ben explicadas” e apuntou que responden a “contratos coa concesionaria asinados por anteriores gobernos de España para pagar as obras de ampliación da autoestrada ou para bonificar determinadas viaxes no uso desta autoestrada”.
“O que non se pode dicir, porque iso si que sería un ‘engano masivo’, é que a través dalgún mecanismo xurídico a Xunta ten capacidade de modificar un contrato entre o Goberno do Estado e a concesionaria da autopista”, indicou o portavoz popular.
BAÑOS ADAPTADOS
O Grupo Popular tamén defenderá outra proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a, dun modo progresivo, dotar de aseos adaptados para pacientes ostomizados en todos os edificios da Xunta, así como que o Goberno de España realice as actuacións normativas que procedan para incorporar no Código Técnico de Edificación a obriga de dotar aos edificios públicos de baños adaptados para estes pacientes.
Por último, e no apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular cuestionará sobre a relación existente entre beneficios e riscos das vacinas que se utilizan no Programa Galego de Vacinación tanto infantil como de adultos; e as melloras que ten experimentado o Hospital Comarcal de A Mariña desde a entrada en funcionamento do sistema de estruturas de xestión integrada.