Santiago, 21 de xuño de 2022.- O Grupo Popular demandará ao Goberno central no Pleno da vindeira semana que rectifique o disposto na Lei de residuos estatal, ampliando ata decembro de 2023 o prazo que teñen os concellos de máis de 5.000 habitantes para implantar a recollida de biorresiduos; e que actúe con toda a celeridade posible para dar solución ao problema xerado tras o colapso do viaduto do Castro na Autovía do Noroeste.
O viceportavoz popular, Alberto Pazos, informou tamén do inicio da tramitación parlamentaria do Plan Estratéxico de Galicia 2020-2030.
Ao remate da Xunta de Portavoces, Alberto Pazos lembrou que na sesión plenaria está previsto o debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, así como a toma en consideración do proxecto de Lei de áreas empresariais de Galicia, “dúas iniciativas lexislativas que versan sobre dous aspectos de relevancia: o fomento da actividade económica e a sustentabilidade dos recursos naturais” na Comunidade galega.
A orde do día do Pleno inclúe, así mesmo, a comparecencia da conselleira de Política Social, en cumprimento do previsto no plan de traballo da Comisión Especial non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade. “Con esta comparecencia da conselleira, pechamos a primeira fase do plan de traballo e damos comezo á segunda, centrada na elaboración de propostas para a mellora da atención aos dependentes”, sinalou Alberto Pazos.
BIORRESIDUOS E COLAPSO A-6
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular esixirá ao Goberno de España que rectifique o disposto na Lei de residuos estatal, ampliando o prazo que teñen os concellos de máis de 5.000 habitantes para implantar a recollida de biorresiduos.
O viceportavoz popular lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez introduciu na Lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular, aprobada o pasado mes de abril, a esixencia de que os concellos de máis de 5.000 habitantes teñan implantada antes do vindeiro 30 de xuño a recollida separada de biorresiduos de orixe doméstica, acurtando o prazo establecido na Directiva Europea e na Lei de residuos de Galicia, que sitúan o prazo para implantar o quinto contedor en decembro de 2023
.
“Estamos a falar dunha decisión unilateral e pouco razoable, que afecta en Galicia a 113 concellos e que deben acelerar un proceso que leva meses implantar, co conseguinte prexuízo para os municipios e a práctica imposibilidade de cumprir os prazos fixados pola nova lei estatal”, sinalou.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno central actúe con toda a celeridade posible para dar unha solución ao colapso e peche á circulación do viaduto do Castro na Autovía do Noroeste, concretando as previsións sobre os traballos de reparación, así como das iniciativas dirixidas a revisar, inspeccionar e garantir a seguridade e funcionalidade de todos os viadutos desta autovía.
Así mesmo, a iniciativa do Grupo Popular demanda que se busquen todas as solucións posibles para minimizar o impacto do peche da autovía para Galicia, de xeito especial para o transporte pesado; ao tempo que se ofreza información de xeito continuo e coa máxima transparencia tanto aos cidadáns, como aos concellos e á propia Xunta de Galicia.
Alberto Pazos manifestou que “resulta dificilmente comprensible que desde o pasado 8 de xuño sigamos nas mesmas circunstancias, porque o Goberno de España ten que ofrecer alternativas ao peche da autovía”. “Hai unha falta de transparencia asombrosa, polo que pedimos explicacións”, sinalou o viceportavoz popular, quen tamén informou que o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego sobre a información de que dispón respecto das circunstancias, as causas e as posibles solucións nas que traballa o Goberno de España para a reparación deste viaduto.
Dentro do apartado de preguntas, o Grupo Popular tamén se interesará pola valoración da Xunta sobre a decisión dos responsables municipais da cidade de Lugo de manter pechado, sen uso e sen mantemento, o novo auditorio, logo dun investimento que supera os 25 millóns de euros; e sobre a sentenza do Tribunal Supremo que desestima a reclamación feita pola empresa concesionaria da AP-9 sobre o pago das peaxes en sombra de Rande e A Barcala.
TRÁMITE MIXTO PARA O PLAN ESTRATÉXICO
Para rematar, Alberto Pazos anunciou a intención do Goberno galego de iniciar a tramitación parlamentaria do Plan Estratéxico de Galicia 2020-2030. “Empregarase o trámite mixto, o procedemento máis amplo e participativo que implica a comparecencia do goberno en na Comisión 3ª e o debate final das propostas de resolución en sesión plenaria”, concretou.