Santiago, 15 de febreiro de 2022.- O Grupo Popular solicitará no Pleno do Parlamento galego da vindeira semana que o Goberno central reasigne a Galicia os preto de 70 millóns de euros dos terceiro e cuarto plans de rescate, que quedaron sen executar polos difíciles requisitos que esixía o Estado, para a posta en marcha dun novo plan de apoio a autónomos e empresas; así como que impulse unha normativa que regule a prestación universal de servizos financeiros básicos ou esenciais, cunha calidade determinada e a un prezo asequible.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a petición propia, para informar do desenvolvemento do Plan de Transportes de Galicia.
PLANS DE RESCATE
Dentro do apartado de proposicións non de lei, Puy incidiu na preocupación do Grupo Popular “pola aplicación dos plans de rescate” postos en marcha con motivo da Covid-19 e lamentou que “os requisitos difíciles de cumprir e a sobrecarga burocrática no procedemento ocasionaran que se recibiran pouco máis de 15.000 solicitudes para os terceiro e cuarto plans de rescate, quedando sen executar o 30 por cento dos fondos dispoñibles”.
“Esta situación contrasta coas 80.000 solicitudes e a execución da totalidade do orzamentos dos dous primeiros plans de rescate xestionados e financiados pola Xunta de Galicia, o que demostra a necesidade dunha maior flexibilidade a estes fondos para que beneficien ao tecido empresarial galego”, apuntou.
Deste xeito, desde o Grupo Popular solicitarase no Pleno ao Goberno de España que os fondos estatais que non puideron ser executados ao abeiro do terceiro e cuarto plans de rescate para as persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas afectadas pola crise da Covid-19 poidan ser destinados a un novo plan de apoio neste ano 2022, axustándose o máximo posible á realidade do tecido empresarial galego.
MERCADO FINANCEIRO ACCESIBLE
Así mesmo, unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo reiterar ao Goberno de España a solicitude para que elabore un estudo, en colaboración co Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado da Competencia, sobre a situación do mercado financeiro en España que sirva de base para a elaboración e posta en marcha dun plan estatal contra a exclusión financeira.
Pedro Puy lembrou que a crise financeira e o uso das novas tecnoloxías motivou que nos últimos anos pecharan en Galicia un 36 por cento das oficinas bancarias, unha cifra que se elevou ao 56 por cento a nivel estatal. “Esta situación está a dificultar o acceso á prestación de servizos bancarios, especialmente ás persoas maiores e ás que habitan en localidades pequenas e rurais”, sinalou.
Neste sentido, o portavoz popular recordou que o Goberno galego puxo en marcha, en colaboración coa Fegamp, unha iniciativa que permitirá a moitas localidades que carecen de oficina bancaria dispoñer dun caixeiro no seu municipio, así como que os veciños poidan contar con servizos de asistencia financeira e de formación.
“Pero a solución definitiva ten que vir da man dunha normativa estatal, para o que é necesario, en primeiro lugar, a elaboración dun estudo sobre a situación do mercado financeiro en España, desde o punto de vista da concentración bancaria, da competencia e do acceso aos servizos financeiros básicos, para, posteriormente, implantar unha normativa qeu regule a prestación universal destes servizos bancarios con calidade e a un prezo asequible”, concretou.
Polo que respecta ao apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polo desenvolvemento do Plan de saúde mental de Galicia, posto en marcha o pasado ano 2021; polo apoio da Xunta para a mellora do saneamento de Vilagarcía de Arousa; e pola valoración do Bono Alugueiro Mozo aprobado polo Goberno central, que apenas vai chegar ao 1,4 por cento dos posibles beneficiarios.