Santiago, 15 de marzo de 2022.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana a posta en marcha de medidas de apoio e estímulo económico dirixidas aos traballadores autónomos, ao tempo que solicita que o Goberno central paralice a reforma do sistema de cotizacións destes traballadores. Así mesmo, demandarase que o Goberno de España reduza o prezo dos combustibles a todas as persoas consumidoras.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, avanzou que a orde do día do Pleno inclúe a aprobación do ditame da Comisión de estudo sobre a seguridade viaria en Galicia, na que se leva traballando desde a súa creación en 2014. O ditame, que foi aprobado en comisión co voto favorable do Grupo Popular e do PSdeG, e a abstención do BNG, incorpora propostas para a mellora da coordinación; a prevención; a realización de campañas de promoción e sensibilización; a formación e a educación; as modificacións normativas; o factor humano, como causa de accidentes de tráfico; as infraestruturas e melloras viarias; o transporte profesional, tanto de mercadorías como de viaxeiros, así como a problemática dos vehículos agrícolas; ou a resposta aos accidentes e ás vítimas
A sesión plenaria inclúe, ademais, a comparecencia a petición propia do conselleiro do Medio Rural para informar sobre a preocupante situación que está a vivir o sector agrogandeiro galego a consecuencia do incremento dos custos de produción.
ESTÍMULO ECONÓMICO PARA OS AUTÓNOMOS
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará á Xunta que manteña e amplíe as medidas de apoio e estímulo económico dirixidas ás persoas traballadoras autónomas. Así mesmo, solicitará ao Goberno central que paralice a reforma do sistema de cotizacións dos autónomos, como mínimo ata que a situación económica se estabilice, ademais de que garanta que calquera reforma deste sistema de cotizacións se realice por consenso cos grupos políticos e representantes do colectivo de autónomos, e acompañada de medidas adicionais tendentes a igualar dereitos, garantías e seguridade co resto de traballadores por conta allea.
Pedro Puy lembrou que “a crise da Covid-19 afectou especialmente ao sector da pequena e mediana empresa e aos autónomos, que aínda non se recuperaran totalmente antes de que viñera esta nova situación de crise pola invasión de Ucraína por parte de Rusia”. Neste sentido, sinalou que “a Xunta puxo en marcha diversos plans de axuda aos autónomos, pero a súa recuperación está a verse afectada por algunhas decisións que se están a adoptar por parte do Goberno central, como o incremento das cotas á Seguridade Social ou a suba de impostos aos carburantes, á matriculación de vehículos ou a circulación, entre outros”.
A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Goberno central poña en marcha as actuacións necesarias para reducir o prezo dos combustibles a todas as persoas consumidoras. “É o momento de axustar o incremento dos prezos dos combustibles, derivado en boa parte da cuestión impositiva”, sinalou o portavoz popular, quen lembrou que máis do 45 por cento do prezo dos carburantes son impostos recadados polo Estado.
PAPEL “MOI ACTIVO”
Puy salientou o papel “moi activo” desenvolvido polo Presidente da Xunta na Conferencia de Presidentes celebrada esta fin de semana en Palma, “liderando a inclusión no amplo acordo consensuado dun compromiso para baixar o prezo dos combustibles”. “Aínda que non foi concretado, esperamos que esta medida sexa pronto unha realidade, unha vez que o Presidente do Goberno de España comparta as actuacións que vai realizar para limitar esta escalada de prezos cos actores sociais e políticos”, apuntou.
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polo balance que fai a Xunta do sistema de atención á dependencia, unha vez que Galicia acadou a cifra récord de 65.000 persoas atendidas; sobre a súa valoración respecto da aprobación no Congreso da nova Lei de vivenda estatal, que invade as competencias autonómicas; e sobre a situación na que se atopa a planta de Alu Ibérica en A Coruña e a implicación do Goberno de España na procura dunha solución de futuro que permita manter a actividade industrial e o emprego.