Santiago, 4 de xuño de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Ministerio de Xustiza que de xeito inmediato rectifique a proposta de novos xulgados para Galicia en 2019 para incluír a creación dun novo Xulgado do Social para Lugo. Así mesmo, desde o Grupo Popular pedirase ao Goberno central que mellore o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, estudando a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, informou que a orde do día da sesión plenaria da vindeira semana inclúe a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para informar da planificación da Xunta de cara a continuar avanzando no reto dunha adecuada xestión do ciclo integral da auga.
MÁIS DE 300 ACTUACIÓNS
Tellado avanzou que esta comparecencia abordarase a importancia de que os concellos se doten de plans de emerxencia para afrontar posibles situacións de seca, co apoio das deputacións provinciais; ao tempo que se dará conta das máis de 300 actuacións realizadas pola Xunta en 186 concellos galegos para garantir un subministro de auga en cantidade e calidade.
No apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular pedirá ao Ministerio de Xustiza que rectifique de inmediato a proposta de novos xulgados para Galicia en 2019, de xeito que se cree un novo xulgado do social na cidade de Lugo.
Miguel Tellado lembrou que a Xunta de Galicia e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordaron solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de tres novos xulgados do social en Vigo, Santiago e Lugo. “Porén, o Ministerio de Xustiza respondeu a esta petición aceptando unicamente a creación do xulgado do social en Vigo e, logo da presión exercida polo Goberno galego e as institucións xudiciais galegas, en Santiago, pero ten rexeitado a creación deste órgano xudicial en Lugo”, explicou.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular que se debaterá no Pleno da vindeira semana ten como obxectivo que o Goberno central continúe as xestións e impulse os cambios normativos que sexan precisos para mellorar o sistema de cotización e protección sociolaboral das persoas traballadoras do mar, así como estude a posibilidade de establecer un sistema que permita aumentar voluntariamente as bases de cotización.
No apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polos resultados do cumprimento do decreto de garantía de tempos máximos de espera no acceso ás prestacións sanitarias públicas; pola impacto que está a ter o bono concilia nas familias galegas; e polas obras de conservación executadas nos últimos dous anos na muralla romana de Lugo.
DESIGNACIÓN DE SENADORES AUTONÓMICOS
Cuestionado sobre a designación dos senadores en representación da Comunidade galega, Miguel Tellado indicou que “a nosa vontade é proceder a esta designación neste mes de xuño”, coincidindo co que se fará nos doce parlamentos autonómicos para os que se celebraron eleccións o pasado 26 de maio.
Así mesmo, o viceportavoz popular indicou que na Xunta de Portavoces acordouse adiar tanto o proceso de designación dos senadores como a asignación de senadores entre os grupos parlamentarios galegos, “unha decisión sensata e responsable á vista do que está acontecendo no principal grupo da oposición neste Parlamento”.