Santiago, 1 de maio de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se demanda aos concellos galegos a elaboración de plans de emerxencia ante situacións de seca, así como levar a cabo as actuacións necesarias na rede municipal de abastecemento para solucionar os problemas existentes e evitar a perda de auga na rede.
Así mesmo, noutra proposición non de lei o Grupo Popular demandará á Xunta o inicio da contratación neste ano dos proxectos construtivo e de impacto ambiental do desdobramento do treito A Pobra de San Xiao-Nadela da vía de altas prestacións entre Lugo e Monforte.
O Grupo Popular considera que garantir a subministración de auga, en cantidade e calidade adecuada, esixe unha necesaria coordinación entre todas as administracións con competencias na materia, de xeito que haxa unha resposta áxil, acertada e coordinada por parte de todas as administracións competentes para enfrontarse aos efectos do cambio climático.
PLAN DE SECA PARA GALICIA-COSTA
A Xunta de Galicia elaborou o Plan de Seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, dotándose así dun instrumento que permite á administración, ante un posible episodio concreto de seca, a identificación, avaliación, seguimento, toma de decisións e posterior adopción de medidas precisas de cara a minimizar os efectos adversos derivados desta situación.
Pero tamén é necesario que as administracións locais se doten de instrumentos xurídicos adecuados para poder xestionar estes eventos de seca coa dilixencia e eficacia que a súa propia natureza demanda. Así, os plans de emerxencia de abastecemento por risco de seca constitúen os instrumentos básicos de planificación das administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento urbano para xestionar estes posibles períodos de escaseza de precipitacións.
Aínda que a obriga se estableza para os grandes municipios, os pequenos concellos tamén deberían contar con plans de emerxencia e deberían ter a opción de poder elaboralo por si mesmas ou ben co apoio das deputacións provinciais. Deste xeito, o Grupo Popular cre necesario que as deputacións presten apoio a aqueles municipios que carezan de recursos técnicos e económicos para a realización dos plans de emerxencias ante situacións de seca, ao tempo que a Xunta preste asesoramento e apoio cando así sexa requirido por parte das administracións locais.
COMPROMISO ELECTORAL
Por outra parte, a orde do día da sesión plenaria que terá lugar a vindeira semana tamén incorpora a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a iniciar a contratación en 2019 dos proxectos construtivos e de impacto ambiental para o desdobramento do treito A Pobra de San Xiao-Nadela da vía de altas prestacións entre Lugo e Monforte.
Na actualidade, e en cumprimento do programa electoral do PPdeG para as eleccións autonómicas de 2016, o Goberno galego ten licitado e adxudicado a redacción do proxecto nun tramo de 11,5 quilómetros entre Sarria e a saída Páramo-A Pobra de San Xiao. Os orzamentos deste ano contemplan unha partida de un millón de euros para a licitación das obras ao longo do próximo ano.
Diante desta situación, cómpre avanzar este ano na redacción do proxecto de desdobramento do resto do trazado entre Nadela e Sarria, co obxectivo de ir efectuando os trámites administrativos que permitan materializar o antes posible a conversión desta vía de altas prestacións en autovía.