O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, esixiu hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno central “protexa ao sector primario, defenda as cláusulas de salvagarda no acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur ante posibles ameazas, e garanta e intensifique os controis de fronteira co fin de que os produtos agroalimentarios de terceiros países que pretendan comercializarse no mercado comunitario cumpran os mesmos estándares de calidade, sanidade e benestar animal que os esixidos en Europa”.
Miguel Ángel Viso considerou “absolutamente comprensible a preocupación dos gandeiros e agricultores galegos ante o acordo entre a Unión Europea e Mercosur”, unha situación ante a que “a Xunta non se agocha, e por iso a conselleira do Medio Rural convocou o Consello Agrario para analizar coas organizacións profesionais o impacto da PAC e do novo escenario europeo, ao tempo que porá en marcha medidas concretas en ámbitos como a saúde animal e vexetal, para detectar enfermidades, pragas e problemas nos alimentos”.
“E todo isto cun obxectivo claro e inequívoco: defender o sector agrogandeiro galego, apostar polos produtos de calidade e estar sempre ao carón das necesidades reais do campo galego”, incidiu o portavoz popular.
SEN ESCOITAR ÁS COMUNIDADES AUTÓNOMAS
Na súa intervención, Viso explicou que o acordo Unión Europea-Mercosur “é un tratado de política comercial internacional, polo que son os estados membros os que teñen a obriga de defender os intereses dos seus territorios durante a negociación, de escoitar ás comunidades autónomas e de trasladar esas posicións á Comisión Europea”. Porén, lamentou que “en España isto non se fixo, e o Goberno de Pedro Sánchez negociou e posicionouse sen escoitar de maneira real ás comunidades autónomas, sen integrar as preocupacións específicas de territorios como Galicia, onde o sector primario é estrutural”.
O portavoz popular insistiu en que “calquera produto que entre desde países terceiros debe cumprir exactamente as mesmas esixencias que se lles impoñen aos produtores galegos”, porque demandou que “Galicia non pode ser tratada como un dano colateral aceptable dun acordo global, nin ser o territorio ao que se lle pide comprensión, paciencia e silencio mentres outros deciden”. “O sector primario galego non é un problema que xestionar, é un activo que protexer”, indicou.
Para rematar, Miguel Ángel Viso criticou a actitude do BNG porque esta situación “non se evita facendo discursos grandilocuentes aquí mentres se sostén en Madrid ao mesmo goberno que negocia estes acordos sen contar coas comunidades autónomas”. “Ultimamente semella que algúns están máis preocupados por exhibir bandeiras alleas que por defender con firmeza os intereses de Galicia onde realmente se deciden as cousas”, dixo.