Santiago, 9 de xullo de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que o PPdeG manterá no Pleno desta semana “a postura que vimos defendendo desde hai anos respecto da transferencia a Galicia da AP-9 e da chegada do AVE a Galicia, así como que a Administración do Estado adopte as medidas legais recomendadas pola Comisión de Expertos para a incorporación do Pazo de Meirás ao dominio público”.
Puy reiterou a disposición do Grupo Popular a incorporar no ditame da Comisión de Estudo sobre o plan forestal e a loita contra os incendios “aquelas medidas que se consideren factibles e que melloren o noso texto proposto, sempre co ánimo de conseguir acabar cos efectos da lacra dos incendios e dinamizar o monte e o medio rural galego”.
Pedro Puy explicou que o Grupo Popular defenderá no Pleno “a mesma posición que levamos mantendo respecto da transferencia a Galicia da AP-9”. Neste sentido, lembrou que esta será a terceira vez que se vote unha proposición de lei no Parlamento galego solicitando o traspaso desta autoestrada, a última saíndo aprobada por unanimidade co apoio de todos os grupos parlamentarios. “Estamos sorprendidos de que, chegados a varios acordos por unanimidade sobre esta transferencia, haxa grupos que se desmarquen pedindo cuestións que non figuraban nas anteriores ocasións”, sinalou.
Relacionado coa construción de infraestruturas de comunicación, o Grupo Popular incorporou para o seu debate no Pleno unha proposición non de lei para que o novo Goberno central manteña o compromiso de que o AVE a Galicia estea funcionando en probas en 2019 e o novo ministro de Fomento continúe coas visitas trimestrais á Comunidade galega para comprobar a execución e dar información sobre as obras.
VONTADE DE ACORDO SOBRE O PAZO DE MEIRÁS
Outro dos asuntos que se abordará na sesión plenaria a proposta do Grupo Popular será solicitude á Administración do Estado para que realice as accións legais que recomenda o informe do Comité de Expertos para reintegrar o Pazo de Meirás ao dominio público. “Imos coa mellor vontade de chegar a un acordo que reforzaría á Administración do Estado para adoptar as xestións legais que recomendan os expertos designados por unha pluralidade de administracións e entidades, procedentes tanto da Xunta, como da Deputación de A Coruña, o Concello de Sada, as universidades galegas e os colexios oficiais de rexistradores da propiedade e notarios”, indicou o portavoz popular.
Respecto da Comisión de Estudo sobre a política forestal e a loita contra os incendios forestais, Pedro Puy lembrou que o Grupo Popular entregou o pasado venres aos grupos da oposición a súa proposta de ditame, un documento de máis de 200 folios e que inclúe 107 recomendacións. Neste sentido, amosou a disposición do PPdeG de incorporar ao documento definitivo aquelas medidas que se consideren factibles e que permitan enriquecer este plan de acción.
RECOMENDACIÓNS SOBRE POLÍTICA FORESTAL
Entre as recomendacións que realiza o Grupo Popular figura unha ordenación integral do territorio rural; a mellora do coñecemento sobre os propietarios do rural galego; a mobilización da terra produtiva, con propostas como poden ser os polígonos agrarios ou forestais ou a potenciación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) como axente mobilizador; e unha aposta decidida pola planificación e ordenación forestal coa clara vontade de lograr un equilibrio entre conservación e produción.
“Tampouco debemos esquecer as actuacións en materia de prevención e extinción de incendios, propoñendo neste ámbito que un ente instrumental dependente da Xunta de Galicia coordine a todas as Administracións Públicas implicadas na prevención”, manifestou Puy. Este ente prestará apoio, colaboración e asesoramento constante aos concellos no cumprimento das súas obrigas, especialmente no que se refire ás que asumen nas franxas de protección dos núcleos de poboación.