14 de marzo de 2023. O Grupo Popular pedirá no Pleno da vindeira semana que o Goberno central unha alternativa financeira ao PERTE do téxtil, aparcado e sen explicacións pese á vontade do sector, capaz de garantir investimentos estratéxicos tanto para a industria de Galicia como para o conxunto da economía galega.
Así mesmo, solicitará que o Goberno de España dea solución con celeridade ao problema xerado polo colapso e peche á circulación do viaduto do Castro na A-6, iniciando a súa reconstrución en ambos sentidos de xeito simultáneo e actuando con transparencia e ofrecendo información continua sobre esta obra.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria da vindeira semana inclúe a comparecencia da conselleira do Mar, a petición propia, para avaliar as catro comunicacións en materia de pesca feitas pola Comisión Europea o pasado 21 de febreiro co obxectivo de mellorar a sustentabilidade e a resiliencia do sector, a descarbonización ou a práctica de pesca sustentable.
NORMATIVA CON EIVAS PREXUDICIAIS
“Esta normativa, que aínda está pendente dun desenvolvemento lexislativo posterior, ten eivas prexudiciais para o sector que deberían ser corrixidas”, manifestou o portavoz popular. En concreto, referiuse á necesidade de eliminar artes como o arrastre nas áreas mariñas protexidas de xeito gradual, cando a proposta europea establece que ten que ser, a máis tardar, en 2030. Tampouco se tivo en conta que os investimentos en buques de pesca son cuantiosos e que as súas amortizacións requiren de prazos amplos; nin que se propoña a descarbonización da frota buscando medios de propulsión alternativos aos combustibles fósiles, pero non se ofreza apoios financeiros adicionais para proceder á transformación ou adaptación dos buques.
Respecto das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular, Pedro Puy dixo que “pediremos ao Goberno central unha alternativa ao PERTE do téxtil, que aparcou sen explicación e pese á vontade do sector”. Neste sentido, lembrou que este sector, que ocupa en Galicia a máis de 36.000 persoas, cun alto compoñente feminino, demandou a aprobación dun PERTE específico para impulsar a súa reindustrialización cun investimento de 12.000 millóns de euros. “Lamentablemente, a resposta do Goberno de Pedro Sánchez foi aparcar este proxecto, ofrecendo como alternativa a participación desta industria no PERTE da economía circular, onde introduciu unha pequena partida de 100 millóns de euros para o sector, que aínda non ten convocado”, dixo.
Pedro Puy manifestou que esta decisión “supón un evidente risco de perder investimentos estratéxicos para a creación de emprego e o desenvolvemento económico, como é o proxecto de Altri en Palas de Rei”. Neste sentido, o portavoz popular indicou que o Grupo Popular tamén preguntará ao Goberno galego sobre o feito de que o Goberno central aínda non teña confirmado o financiamento necesario para que esta fábrica de fibras téxtiles sexa unha realidade para Galicia e a provincia de Lugo.
SEN COÑECER AS CAUSAS OITO MESES DESPOIS
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo pedir ao Goberno de España que proceda con toda celeridade a dar solución ao problema xerado tras o colapso e o peche á circulación do viaduto do Castro na A-6, iniciando a reconstrución en ambos sentidos de xeito simultáneo e actuando con transparencia e ofrecendo información continua sobre a obra. “Oito meses despois de que se producira a caída do viaduto aínda seguimos sen coñecer con exactitude as causas que provocaron unha situación que non ten precedentes na rede viaria de España”, sinalou Puy.
Para rematar, e dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola información existente sobre a posta en funcionamento dos trens AVRIL e cantos serán os que se destinen a Galicia; así como pola situación na que se atopan os trámites necesarios para a execución da obra do novo Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, logo do acordo acadado esta mañá entre a Xunta e o concello coruñés.