Cumprimento do Pacto de Estado por Ferrol, construción do dique seco en Navantia e alta velocidade ferroviaria, entre as solicitudes
O Grupo Popular presentará unha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que solicita ao Goberno de España que sitúe a Ferrol entre as súas accións prioritarias e urxentes, e materialice os compromisos pendentes cos veciños desta comarca. O portavoz popular, Pedro Puy, fixo este anuncio hoxe nunha visita á cidade departamental dos deputados do PPdeG, e concretou que “poremos especial énfase no cumprimento do Pacto de Estado por Ferrol, a construción do dique seco nas instalacións de Navantia, así como estender a Ferrol os beneficios da alta velocidade ferroviaria”.
Pedro Puy subliñou que “falar de Ferrol é falar de construción naval, unha industria que nos últimos anos non está a vivir os seus mellores momentos a consecuencia da crise económica que vivimos e de decisións adoptadas polo Goberno central”.
PREOCUPANTE SITUACIÓN DEMOGRÁFICA E DESEMPREGO
Así, á preocupante situación demográfica que vive Ferrol (que perdeu unha terceira parte da súa poboación nos últimos 40 anos e ocupa o último posto en taxa de natalidade e o primeiro en taxa de mortalidade entre as 125 cidades máis poboadas de España), se suma unha elevada taxa de desemprego (22,4% na última EPA), que certifica a tendencia ao aumento do paro rexistrada nos últimos anos (pasou do 15,1% en 2019; 18,3% en 2020; e 19,4% en 2021).
“Ferrol é neste momento a cidade galega con maior porcentaxe de desemprego, unha situación derivada principalmente da falta de carga de traballo nos estaleiros ferroláns ao longo destes últimos anos”, explicou o portavoz popular, quen afirmou que “estamos convencidos que esta cidade e a súa comarca poden saír desta situación”.
Para iso, Puy lembrou que o Goberno galego propuxo ao Goberno do Estado o mes de maio do pasado ano 2021 a sinatura dun Pacto de Estado por Ferrol para a recuperación e a transformación industrial da comarca, que conta con 100 medidas para impulsar económica e socialmente esta comarca. “Porén, a resposta do Goberno de Pedro Sánchez ata o de agora foi o silencio, desentendéndose por completo da revitalización desta comarca e retrasando ata o máximo a construción das fragatas F-110, que agora parece que comezan a ser unha realidade”, lamentou.
MATERIALIZAR OS COMPROMISOS
Diante desta situación, o Grupo Popular vai rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España que sitúe a Ferrol entre as súas accións prioritarias e urxentes, e materialice os compromisos pendentes cos veciños e veciñas desta comarca.
En concreto, e en primeiro lugar, pídese que o Goberno central desenvolva as medidas previstas no Pacto de Estado por Ferrol, protexendo o emprego e o tecido industrial a través da modernización e mellora competitiva dos sectores tradicionais, así como da diversificación cara a novos sectores con gran potencial de futuro.
Así mesmo, solicítase ao Goberno de Pedro Sánchez que dote dos orzamentos necesarios para desenvolver con urxencia infraestruturas para modernizar as instalacións de Navantia Ferrol, principalmente a construción dun dique seco que permita poñer en marcha o estaleiro 4.0 que reforce a competitividade, mellore a eficiencia e prepare estas instalacións para os retos do futuro.
E, por último, demándase que presente e execute unha planificación concreta e completa para a modernización das infraestruturas ferroviarias, así como os investimentos necesarios que fagan posible estender a Ferrol os beneficios da alta velocidade e lograr a inclusión da liña A Coruña-Ferrol no Corredor Atlántico de mercadorías, ademais da imprescindible modernización da liña Ferrol-Ribadeo.
“O noso obxectivo é que o Goberno central se implique directamente no futuro de Ferrol e a súa comarca, con investimentos e infraestruturas que fagan máis atractivo o desenvolvemento de proxectos que redunden na creación de emprego e na xeración de riqueza”, manifestou o portavoz popular.
IMPULSO POR PARTE DA XUNTA
Pola súa banda, o presidente do PP de Ferrol e deputado autonómico, José Manuel Rey, sinalou que “este compromiso do Goberno central complementaría o traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia para que Ferrol sexa o destino final de proxectos industriais”. Así, salientou as actuacións que está a impulsar en materia de emprego, como o desenvolvemento da aposta pola eólica mariña ou o proxecto Triskelion, promovido por Forestal do Atlántico e que utilizará a enerxía eléctrica para facer hidróxeno, capturar carbono a gas e producir metanol verde.
Así mesmo, José Manuel Rey destacou outras iniciativas empresariais próximas que terán un beneficio directo para a comarca de Ferrolterra, como a planta de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP en As Pontes, ou a fábrica de recuperación de papel e cartón de Ence neste mesmo concello.
O deputado popular tamén se referiu ás obras de modernización e ampliación do Hospital de Ferrol, a construción da residencia de maiores en Bertón ou o albergue de peregrinos, ademais de actuacións en materia de infraestruturas, como o proxecto da vía de alta capacidade da costa ou a estación intermodal, á espera do compromiso orzamentario por parte do Adif e do Concello de Ferrol.
A visita dos deputados do Grupo Popular a Ferrol rematou cunha visita ao Museo da Construción Naval un percorrido pola historia da construción naval desde o século XVIII ata a actualidade, coñecendo o desenvolvemento da arquitectura e a construción de buques, así como os materiais empregados, as tecnoloxías aplicadas e as ferramentas utilizadas.