Santiago, 29 de marzo de 2022.- O Grupo Popular solicitará no Pleno da vindeira semana que o Goberno de España faga efectivo o compromiso asumido na última Conferencia de Presidentes e poña en marcha medidas dirixidas a paliar as consecuencias da invasión de Ucraína como unha baixada dos impostos que gravan a electricidade e os combustibles, medidas efectivas para os sectores máis afectados, rectificar a política enerxética; ou descartar implantación de peaxes nas autovías.
Así mesmo, solicitará que a Xunta estenda a todos os centros de atención primaria o protocolo de xestión integral da demanda en equipo (XIDE), a través do que se dirixen as consultas de xeito directo ao profesional máis axeitado á necesidade do paciente.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria, que dará comezo ás 10 da mañá do vindeiro luns, 4 de abril, dará comezo coa comparecencia do conselleiro do Medio Rural, a petición propia, para informar sobre a preocupante situación do sector gandeiro galego polo incremento dos custos de produción e a falta de materias primas.
Puy lamentou que o Ministerio de Agricultura “non ten avanzado grandes actuacións ante a gravidade da situación que padece a agrogandería galega, ante a que a Xunta avanzará medidas para frear a venda a perdas, dar liquidez ao sector, evitar o desabastecemento de cereais, ampliar as superficies de cultivo e mellorar o réxime fiscal e laboral dos agricultores e gandeiros.
MINIMIZAR CONSECUENCIAS INVASIÓN UCRAÍNA
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España a adopción de medidas, de acordo co acordado na Conferencia de Presidentes celebrada o pasado 13 de marzo, para minimizar as consecuencias socioeconómicas nas empresas e nos cidadáns logo da invasión de Ucraína por parte do exército de Rusia.
En concreto, solicítase unha baixada dos impostos que gravan a electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo; medidas específicas para os sectores máis afectados, como o transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería e turismo; rectificar a política enerxética abrupta que vén levando a cabo e apostar por unha planificación enerxética planificada, proporcional e xusta; e descartar a implantación de novos gravames, como a implantación de peaxes nas autovías.
Pedro Puy amosou a disposición do Grupo Popular de “chegar a acordos cos outros grupos” para sacar adiante unha iniciativa co maior respaldo posible que responda as “cuestións que máis preocupan á sociedade nestes momentos”, polo que avanzou a posibilidade de que, en función de como discorran os acontecementos nos vindeiros días, esta iniciativa poida actualizarse.
XESTIÓN CONSULTAS ATENCIÓN PRIMARIA
En segundo lugar, o Grupo Popular solicitará que a Xunta estenda a todos os centros de atención primaria, ao longo do presente ano 2022, o protocolo de xestión integral da demanda en equipo (XIDE), a través do que se dirixen as consultas de xeito directo ao profesional máis axeitado á necesidade do paciente, garantindo así a súa atención en tempos de resposta determinados segundo sexa a necesidade da consulta inmediata, no día ou ordinaria. Puy lembrou que “a Consellería xa fixo unha proba piloto deste protocolo en centros sanitarios de Culleredo e Lugo, axilizando a atención de todas as consultas e mobilizando a derivación directa aos profesionais máis axeitados”.
Así mesmo, demándase que o Goberno galego informe periodicamente sobre a dispoñibilidade de profesionais médicos de familia e pediatras para a contratación no ámbito de atención primaria, desagregada por áreas ou distritos sanitarios.
Por último, e no apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas consecuencias derivadas da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que da a razón a Xunta no conflito co Goberno central polo Plan Xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023; así como polos factores que teñen contribuído a reducir a taxa de abandono nos derradeiros anos.