O Grupo Popular levará ao Pleno ordinario da vindeira semana a solicitude para que a Xunta convoque novos concursos de dereitos mineiros caducados para impulsar a investigación e posible extracción futura de materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos da economía galega. Nunha sesión plenaria de marcado carácter lexislativo, na que se aprobarán os proxectos de lei de orzamentos da Xunta para 2026, de medidas fiscais e administrativas, e de protección de menores e prevención das condutas aditivas, o Grupo Popular tamén pedirá ao Goberno central que garanta a continuidade do programa de auxiliares de conversa.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, destacou que no vindeiro Pleno procederase á aprobación “dos maiores orzamentos da historia da Comunidade galega: 14.240 millóns de euros, dos que tres de cada catro euros se destinarán a sanidade, educación, políticas sociais e emprego, cos que seguir avanzando no fortalecemento do Estado do Benestar”.
REBAIXAS FISCAIS
“Uns presupostos, ademais, que manteñen as rebaixas fiscais aprobadas en anos anteriores polos gobernos do PPdeG, e que no vindeiro ano se verán incrementadas con outras novas dirixidas aos colectivos máis vulnerables, como a eliminación no IRPF da cota íntegra autonómica das axudas aos afectados por ELA, a talidomida ou das persoas prexudicadas polos incendios forestais do pasado verán, así como as deducións para libros e material escolar”, apuntou.
A sesión inclúe tamén o debate para a súa aprobación da nova Lei de protección das persoas menores e prevención das condutas aditivas, “unha norma que ten como obxectivo protexer, anticipar e actuar fronte aos novos riscos que afectan diariamente á infancia e á adolescencia en Galicia”. En concreto, Pazos afirmou que esta lei “protexe máis e mellor aos nosos menores fronte ás adicións tradicionais e emerxentes, moderniza o marco normativo, adapta Galicia á evidencia científica actual, e reforza a prevención en escolas, familia e comunidades”.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará que a Xunta continúe coa axenda xa iniciada este ano e convoque novos concursos de dereitos mineiros caducados, co obxectivo de impulsar a investigación sobre a presenza en Galicia de materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos da economía de cara ao seu futuro aproveitamento. Así mesmo, pedirase ao Goberno central que impulse as iniciativas lexislativas necesarias para recoñecer as materias primas minerais como recursos de primeira necesidade e de carácter estratéxico dentro da Reserva Estratéxica baseada nas capacidades nacionais de produción industrial.
RIFA ENTRE MINISTERIOS
A segunda das proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno ten que ver cunha polémica aberta no seo do Goberno de Pedro Sánchez, concretamente entre os ministerios de Educación e de Traballo, e que deriva da obriga establecida por este último pola que os auxiliares de conversa deben contar cun contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando están definidas como persoas que participan nun intercambio cultural, polo que non están obrigados a esas relacións laborais.
Neste sentido, Alberto Pazos considerou “intolerable que esta rifa entre dous ministerios do Goberno de Pedro Sánchez chegue ao punto de que un programa como o de auxiliares de conversa, que se leva impartindo en Galicia desde o ano 2009 con total normalidade, estea en perigo a súa continuidade”, polo que se solicita que o Goberno de España adopte con urxencia as medidas necesarias para garantir a continuidade deste programa de auxiliares de conversa, no que na actualidade participan en Galicia 690 auxiliares en case 800 centros de ensino galegos.
Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase no Pleno polas medidas e decisións adoptadas polo Goberno de España nos últimos meses ao obxecto de dar resposta aos grandes retos do mercado laboral en Galicia; polas últimas novidades respecto da posta en marcha do centro de protonterapia de Galicia; e pola situación da Unidade de Policía Nacional adscrita a Galicia.