10 de abril de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, considerou hoxe que o Goberno central “debe dar explicacións urxentes” sobre as declaracións realizadas polo embaixador de Francia nas que asegura que no cumio celebrado entre ambos países non se falou do remate do Corredor Atlántico de mercadorías en 2030, e que este anuncio partiu dun comunicado unilateral do Ministerio de Transportes español.
“Estas novas fan aínda máis necesaria a reunión do comisario do Corredor Atlántico coas comunidades do noroeste peninsular, para analizar o Plan Director, que consideramos debería incluír un investimento de 8.000 de euros adicionais para o financiamento de actuacións prioritarias”, manifestou.
Alberto Pazos explicou que o proxecto do Corredor Atlántico conta co respaldo de todas as comunidades do noroeste peninsular (Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e Euskadi) e permitirá conectar os principais portos atlánticos e outros nodos estratéxicos deste área coas rexións do interior de España, Portugal e, sobre todo, o resto de Europa.
SOLICITUDES DAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS
“Diante desta demanda conxunta, e ante as insistentes solicitudes realizadas desde as comunidades autónomas, todas de distinto signo político, o Goberno de Pedro Sánchez nomeou un Comisario do Corredor Atlántico, quen a día de hoxe aínda non se ten reunido con representantes das comunidades autónomas”, sinalou o viceportavoz popular, quen lembrou que o Grupo Popular leva ao Pleno desta semana unha proposición non de lei solicitando que este encontro se celebre de xeito urxente.
Pazos referiuse, ademais, ás declaracións realizadas polo embaixador de Francia sobre o cumio celebrado entre os gobernos español e francés, nas que afirma que nunca se falou do ano 2030 para concluír o Corredor Atlántico do lado francés, como afirmou o Goberno de Pedro Sánchez nun comunicado ao remate da celebración desa reunión. “É máis, asegura que o anuncio partiu dun comunicado unilateral do Ministerio de Transportes español e non figura na declaración conxunta oficial do cumio”, apuntou.
“Son feitos graves que o Goberno de Pedro Sánchez debe aclarar, porque Galicia, ao igual que as demais rexións atlánticas, compartimos a preocupación pola conexión co resto de Europa a través do País Vasco e Francia, no treito entre Irún e Dax, porque se Francia non aposta por esa conexión, o noroeste e a península quedará illado do Corredor Atlántico”, explicou o viceportavoz popular.
Alberto Pazos tamén se referiu á proposición non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana, na que se solicita que o Goberno central transfira a Galicia fondos europeos para a súa xestión directa desde a Comunidade Autónoma, co obxectivo de garantir a viabilidade dos principais proxectos tractores galegos, do mesmo xeito que ten feito con outras comunidades autónomas.
Neste sentido, afirmou que “estamos convencidos de que os fondos europeos Next Generation representan unha oportunidade extraordinaria para impulsar a reindustrialización do conxunto do país, favorecendo o investimento, a modernización e a transformación dos sectores estratéxicos cara a nova economía dixital e verde”.
XESTIÓN “BASTANTE DEFICIENTE” DOS FONDOS EUROPEOS
Porén, lamentou que “a xestión destes fondos europeos por parte do Goberno de Pedro Sánchez está a ser bastante deficiente”, porque, de acordo coas últimas estimacións relativas aos PERTE, a realidade é que dos preto de 41.000 millóns de euros anunciados polo Goberno central para o Plan de Recuperación, só se convocaron actuacións por algo máis de 12.800 millóns de euros (o que supón apenas o 31 por cento), e destes 12.800 millóns só están adxudicados o 16,5 por cento (6.770 millóns de euros).
“Desde Galicia estamos a ver con preocupación como esta falta de apoio do Goberno central con fondos europeos está a poñer en risco importantes proxectos industriais como o de Stellantis en Vigo ou Altri en Palas de Rei, cando vemos como o Goberno de Pedro Sánchez concede axudas directas a empresas doutras comunidades autónomas, como é o caso de Volkswagen ou Arcelor Mittal”, manifestou o viceportavoz popular.
Pazos engadiu que, “ao mesmo tempo que o Goberno de Pedro Sánchez fai oídos xordos ás demandas de Galicia para proxectos como o de Altri, desde o Goberno socialista de Portugal se anuncia o apoio de 130 millóns de euros ao proxecto que esta mesma empresa ten previsto levar adiante na localidade de Caima: unhas partidas que, ademais, serán a cargo dos mesmos fondos europeos que a empresa pretende que o Goberno de Pedro Sánchez lle conceda en España para poñer en marcha a planta de Palas de Rei”.