Santiago, 8 de maio de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, P edro Puy, informou esta mañá da presentación dunha proposición non de lei dirixida a “solventar a situación extraordinariamente complicada que están a vivir os viticultores, principalmente de O Ribeiro, Monterrei e Ribeira Sacra, afectados polas xeadas das pasadas semanas”. En concreto, esta iniciativa abrangue desde o inmediato asesoramento na repoda e recuperación dos viñedos, ata a consideración das xeadas como fenómeno climático adverso para poder acceder a axudas europeas; rebaixas no imposto sobre a renda; bonificacións na Seguridade Social; convenios con entidades financeiras para habilitar préstamos a custe cero; ou dar prioridade nas axudas ás plantacións menos expostas ás xeadas.
Pedro Puy manifestou que esta proposición non de lei vai dirixida a paliar a “situación grave que se ten producido como consecuencia das xeadas que provocaron enormes danos ao sector vitivinícola galego, especialmente nas zonas de O Ribeiro, Monterei e Ribeira Sacra”. Trátase de “medidas amplas e concretas que comezan pola acción inmediata de asesoramento sobre como tratar as vides para que a recuperación poda realizarse neste mesmo ano e que o mal causado non se estenda ao vindeiro ano”, apuntou.
Entre as accións que se solicitan figura a consideración das xeadas da última semana do mes de abril como fenómeno climático adverso, como paso previo á posible concesión de axudas aos produtores afectados e destinadas á reparación dos danos causados con cargo a fondos europeos
DEDUCIÓNS IRPF E SEGURIDADE SOCIAL
No ámbito fiscal, o Grupo Popular solicita que o Ministerio de Hacienda tome en consideración os danos causados polas xeadas a efectos de minorar o rendemento resultante do método de estimación obxectiva aplicable no IRPF dos viticultores afectados.
As medidas tamén incorporan que a Seguridade Social tome en consideración os danos causados a efectos de establecer bonificacións ou moratorias sen intereses nos pagos a este organismo que deban de facer os viticultores.
Puy engadiu que nas medidas tamén se recolle, en colaboración con entidades financeiras públicas ou privadas, o establecemento de convenios para financiar a perda de ingresos dos viticultores afectados en máis dun 50 por cento da súa produción, habilitando préstamos a custe cero e con prazos adecuados de devolución.
A proposición non de lei incide, ademais, no impulso á contratación de seguros contra xeadas e outros riscos excepcionais que afectan ás explotacións agrícolas.
No ámbito das axudas, o Grupo Popular solicita que se prime especialmente a implantación de sistemas anti xeadas, ao tempo que na plantación de novos viñedos e na concesión de dereitos de plantación se conceda prioridade ás plantacións que se realicen naquelas zonas que polas súas características de altitude, orientación e ventilación estean menos expostas ás xeadas.
Na súa comparecencia ante os medios, o portavoz popular fixo un repaso polos asuntos que se debaterán na sesión plenaria de mañá e o mércores. Así, destacou que se procederá á aprobación da proposición de lei que solicita a transferencia da AP-9 á Comunidade galega, elixindo aos tres representantes do Parlamento de Galicia que no seu día defenderán esta iniciativa lexislativa no Congreso.
MOZOS NO MEDIO RURAL E HUB GASÍSTICO
Así mesmo, Pedro Puy salientou a importancia das dúas proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno tanto para o sector primario como para o industrial.
“A primeira delas trata de resolver un problema, que para o ano que vén vai estar arranxado, en relación coas axudas para a incorporación ao medio rural de mozos”, indicou o portavoz popular. En concreto, proponse que a Axencia Tributaria considere que a imputación destas axudas sexa como mínimo ao longo de cinco anos, e no caso de que a incorporación do mozo se produza a través dunha entidade, sexa esta a que realice o pago do imposto.
A segunda das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular pretende impulsar un hub de gas natural licuado para Galicia, incentivando o transporte marítimo con este tipo de combustible. “Pedimos que Reganosa adapte as súas infraestruturas para conseguir o desenvolvemento loxístico e comercial que permita que os portos galegos poidan prestar servizo de abastecemento de gas natural licuado”, apuntou.