Santiago, 21 de xuño de 2021.- O Grupo Popular vén de rexistrar a súa emenda ao ditame da Comisión de estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19, na que se incorpora unha introdución ao texto da ponencia parlamentaria (que se corresponde coa proposta feita polo Grupo Popular) e a proposta de distribución dos 115 millóns de euros do Fondo de Consenso habilitado pola Xunta de Galicia nos seus orzamentos para 2021, tras un proceso de diálogo cos grupos da oposición e que inclúe algunhas das suxerencias por eles realizadas.
Tras as conversas cos grupos do BNG e do PSdeG, decidiuse aplicar o Fondo de Consenso a respaldar con recursos as principais liñas de actuación que se incorporan ao texto do ditame. Por elo, este fondo se divide en catro subfondos coas catro liñas prioritarias de actuación: apoio aos sectores máis impactados pola crise e que aínda precisan axuda para a súa recuperación; apoio á transición ecolóxica e dixital; apoio á innovación; e actuacións encamiñadas a garantir a recuperación social cohesionada.
As cantidades económicas que se asignan na proposta do Grupo Popular a cada unha destas liñas son as seguintes: apoio sectorial, 42,7 millóns de euros (37,1%); apoio á transición ecolóxica e dixital, 26,5 millóns de euros (23%); apoio á innovación, 14,8 millóns de euros (12,9%); e recuperación inclusiva, 31 millóns de euros (27%).
Entre as partidas máis importantes integradas na proposta do Grupo Popular para o fondo de consenso salientan, no ámbito do apoio sectorial, unha partida para investimentos estratéxicos a través das pequenas e medianas empresas de Galicia. En concreto, destinaranse 20 millóns de euros para o financiamento de proxectos tractores e estratéxicos, potenciando a creación de emprego. A duración deste fondo sería indefinida, xa que os fondos xerados como resultado da devolución dos investimentos poderán ser reinvestidos de novo no tecido empresarial.
Tamén dentro do apoio sectorial, se introducen axudas ao sector do deporte, por ter sufrido as consecuencias dos confinamentos e reducidos os seus ingresos e non ter, ata o de agora, axudas específicas.
CICLO DE AUGA E TRATAMENTO DE RESIDUOS
Para apoiar a transición ecolóxica e dixital, salientan as actuacións previstas para mellorar a eficiencia e a dixitalización do ciclo da auga (12 millóns de euros), xestionado polos concellos; así como para avanzar no tratamento dos residuos orgánicos (6 millóns de euros).
No terceiro ámbito, de apoio á innovación, a proposta do Grupo Popular inclúe 10 millóns de euros de axuda para a posta en marcha de centros de investigación en Galicia.
Finalmente, no ámbito da recuperación inclusiva, se prevén 12 millóns de euros para reforzar o servizo de axuda no fogar (SAF); outros 12,5 millóns de euros para axudas extraordinarias ás entidades que traballan no eido da inclusión social; e 2,5 millóns de euros para o reforzo das valoracións da discapacidade. Tamén se impulsa o programa de emprendemento feminino con 4 millóns de euros.
A proposta trasladada á Comisión de Reactivación conleva o traspaso aos concellos de Galicia de 27,5 millóns de euros (o 24 por cento do total), favorecendo a cohesión social e territorial.
Pese a terse incluídas algunhas das suxestións realizadas polos grupos da oposición, o Grupo Popular mantén a súa disposición ao diálogo ata a aprobación definitiva do ditame, prevista para o vindeiro 29 de xuño na sesión da Comisión de Reactivación que se convocará con esta finalidade.
Así mesmo, e tamén despois do diálogo coa oposición, o Grupo Popular rexistro como emenda a introdución ao proxecto de ditame.