Santiago, 7 de decembro de 2020.- O portavoz e viceportavoz do Grupo Popular, Pedro Puy e Miguel Tellado, respectivamente, xunto co conselleiro de Facenda e deputado popular, Valeriano Martínez, presentaron esta mañá a proposición de lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, unha nova norma dirixida a simplificar procedementos administrativos e achegar confianza nun momento de grandes incertezas para os investidores coa finalidade de que impulsar proxectos empresariais que xeren riqueza e emprego.
O conselleiro de Facenda incidiu que a proposición de lei “busca eliminar calquera burocracia prescindible para que a Administración autonómica se converta nun aliado e non nun atranco para cidadáns e empresas”, pero “tendo claro que simplificar non significa diminuír garantías ou eliminar protección a valores como os medioambientais, culturais ou naturais”.
Valeriano Martínez sinalou que a proposición de lei recolle unha serie de normas que serán de aplicación na planificación, programación, xestión e control dos recursos económicos que proveñan dos fondos de recuperación ou daqueles mecanismos que teñan como finalidade o financiamento de iniciativas empresariais en Galicia.
“A nosa idea é replicar o modelo de participación que incluímos nos orzamentos para 2021” que xa se están a tramitar neste Parlamento e que recollen un Fondo Consenso, de 115 millóns, para pactar proxectos de investimento para favorecer a reactivación económica.
NOVOS BENEFICIOS FISCAIS
En concreto, o conselleiro de Facenda sinalou que se prevé a aprobación de novos beneficios fiscais para iniciativas empresariais en zonas pouco poboadas ou en áreas rurais, como unha dedución do 100 por cento no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados para a adquisición de inmobles que se atopen nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas.
Así mesmo, prevese un sistema de atención ao investimento para acceder de xeito electrónico a toda a información e documentación; se regula a oficina Doing Business Galicia, como unidade especializada no acompañamento e tramitación destes proxectos industriais; ou se define un sistema de acompañamento individualizado, cunha rede de oficinas de apoio á empresa.
En definitiva, esta lei busca que a Administración sexa fiable para as empresas, afonda na simplificación administrativa, prioriza a redución de trámites, incentiva as iniciativas empresariais en zonas pouco poboadas e no eido rural, favorece o aproveitamento da oportunidade do financiamento a través dos fondos de reactivación e reconstrución e implica ao Comité de Expertos Económicos, ao diálogo social e á FEGAMP.
Pola súa banda, Pedro Puy lembrou que “estamos nunha situación de crise económica moi intensa derivada dunha pandemia sanitaria, na que Galicia está a ter resultados menos malos que o conxunto da economía española gracias á transformación que viviu a economía galega nos últimos tempos”.
Neste sentido, sinalou que “a economía española está a ser favorecida tanto pola política monetaria do Banco Central Europeo como polo apoio directo da Unión Europea a través dos 140.000 millóns de euros de fondos para España”. Porén, indicou que estes fondos “hai que utilizalos dun xeito responsable, porque estamos financiando gasto con débeda; facelo con proxectos eficientes e elixir ben a que imos destinar os fondos que teremos; e un uso eficaz dos mesmos, non pode ser que se atribúan fondos para proxectos bos para a economía galega pero que o seu desenvolvemento non chegue a tempo porque sexa ineficaz a súa tramitación administrativa”.
“Tanto o Goberno galego como o Grupo Popular coincidimos en que un uso eficaz dos fondos europeos pasa pola diminución da burocracia e un apoio aos proxectos de futuro que permitirán á economía galega recuperarse da crise e inserirse na nova economía postpandemia con maior eficacia”, manifestou.
XESTIÓN SIMULTÁNEA DE TRÁMITES
O portavoz popular cualificou a proposición de lei como “ambiciosa, que favorece o apoio financeiro, fiscal e administrativo ás empresas que queiran instalarse en Galicia e que estea incardinadas nos obxectivos dos fondos europeos”. Neste sentido, centrouse na simplificación da tramitación administrativa e explicou que a nova lei define os informes cos que deberá contar unha iniciativa empresarial e establécese un prazo de emisión máximo de tres meses. “De non emitirse o informe nese prazo, entenderase como favorable; e se o órgano encargado de emitir o informe detecta dificultades para facelo en prazo, poderán facer un estudo con medios propios ou con expertos externos que poderán condicionar o informe”, dixo.
Así mesmo, establécese o principio xeral de xestión simultánea de todos os trámites e a regra xeral de que os informes sectoriais non teñen carácter sucesivo; ao tempo que poderá solicitarse a tramitación conxunta das autorizacións sectoriais.
Nos trámites ambientais, establécense prazos que antes non estaban definidos e, cando sexa posible, a simultaneidade na tramitación, potenciando o uso de medios electrónicos. No eido urbanístico, simplifícase o outorgamento de licenzas no eido municipal cando a solicitude veña acompañada dunha certificación de conformidade á legalidade urbanística emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal. Deste xeito, establécense prazos máis áxiles ata o máximo de un mes, que, en determinados casos, poderá reducirse a 15 días.
Polo que respecta ás especificidades do sector eléctrico, Pedro Puy concretou que “se regulan as autorizacións administrativas cun procedemento simplificado, eliminando solapamentos na tramitación e a posibilidade de tramitacións integradas”. “O obxectivo é que poida haber unha dotación específica de enerxía ás industrias galegas, tanto ás xa instaladas como as que se poidan instalar con medios sostibles, e tamén afecta a redución de trámites á instalación para autoconsumo por parte de consumidores individuais”, engadiu.