Santiago, 22 de marzo de 2022.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia conta cun Plan de Saúde Mental sólido, cun equipo de xestión que o respalda e cun orzamento firme que apoia todos e cada un dos pasos que se están a dar para desenvolvelo”.
“Este plan marca o camiño cara unha asistencia no ámbito da saúde mental máis integrado, coordinado e moito mellor dotado, que responde á realidade da pandemia e identifica a saúde mental como unha das prioridades para o goberno da Xunta de Galicia”, engadiu.
No debate da iniciativa lexislativa popular para unha Lei de saúde mental de Galicia, Encarna Amigo agradeceu á Fundación Salma “o esforzo e compromiso amosado no impulso desta iniciativa e o traballo que fan a diario no ámbito da saúde mental”.
ESFORZO DE TODOS
“Concordamos na necesidade de que, desde todas as administracións públicas, institucións e gobernos, nos esforcemos por mellorar a situación, a atención, o tratamento e coidado das persoas con enfermidade mental; por incrementar os recursos de apoio para eles e para as súas familias; e por evitar o estigma asociado a estas enfermidades, tan inxusto e que moitas veces compórtase como un obstáculo para recibir o tratamento axeitado”, manifestou.
Encarna Amigo subliñou que “estes pacientes deben contar cos mesmos dereitos que todos os demais, e así aparece recollido na lexislación xeral, como por exemplo na Lei de saúde de Galicia”.
98 PROXECTOS DENTRO DO PLAN DE SAUDE MENTAL
A portavoz popular lembrou que a saúde mental “é unha prioridade para o Goberno da Xunta de Galicia” e mostra disto foi a aprobación, o pasado 26 de xuño de 2020, do novo Plan de saúde mental de Galicia, “un plan que está perfectamente adaptado á nova realidade que nos marcou a pandemia que estamos a vivir”.
En concreto, este Plan conta con 98 proxectos dirixidos á prevención da aparición de problemas de saúde mental na poboación galega, ademais da implementación de melloras na asistencia socio-sanitaria ás persoas que padecen un trastorno mental e aos seus familiares, dun xeito comprometido coa sostenibilidade do sistema sanitario.
Ademais, está dotado cun orzamento de 83 millóns de euros, co obxectivo de incrementar o número de profesionais e de dispositivos asistenciais, así como o desenvolvemento de programas para a recuperación das persoas con trastornos mentais severos e fomentar a investigación nestas patoloxías.
PROGRAMAS EN MARCHA
Encarna Amigo referiuse aos programas que a Xunta de Galicia xa ten en marcha no desenvolvemento do Plan de saúde mental. Así, citou os hospitais de día de infanto-xuvenís en Vigo, Santiago e Ourense; as 5 novas unidades ambulatorias: tres de adultos, en Ordes, Oleiros e Tui, e dúas infanto-xuvenís, en A Coruña e Vigo; a nova unidade de psicoxeriatría en Ourense; a ampliación do persoal de hospitalización a domicilio de saúde mental nas áreas de Santiago, Pontevedra e Ourense; ou os reforzos en todas as áreas nos programas sociosanitarios de saúde mental que dan servizo ás residencias de maiores.
No ámbito do persoal, a portavoz popular destacou que, entre os anos 2020, 2021 e 2022 creáronse 163 prazas, cun incremento do orzamento de 7,7 millóns de euros. “O obxectivo final do plan é ter incorporado 241 novas prazas, co que o reforzo anual no investimento de persoal chegará aos 11 millóns de euros”, sinalou.