Santiago, 13 de xullo de 2021.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe no Pleno do Parlamento, no debate para a aprobación do informe anual do Valedor do Pobo correspondente a 2019, que neste documento “se intúe unha moi boa colaboración das consellerías e da Administración autonómica coa institución, o que amosa que a Valeduría non se percibe como un ente inquisidor, senón como un ente colaborativo que axuda á Administración a prestar mellores servizos á cidadanía”.
“Igualmente queremos destacar a labor mediadora da Valedora, sobre todo nos casos de desafiuzamento con entidades bancarias e mesmo con entidades xestoras de activos”, engadiu.
Paula Prado comezou a súa intervención lembrando o pasamento de Samuel Luiz por “unha paliza dun grupo de mozos que é difícil de comprender nunha sociedade democrática madura”. Neste sentido, sinalou que “na actualidade estamos experimentando un incremento de denuncias de violencia sexual grupal” e indicou que a Valedora “ten desenvolto accións e prestado especial atención aos problemas de violencia de xénero, acoso e explotación sexual, por razón de orientación sexual e identidade de xénero, persoas con discapacidade, discriminacións e todo tipo de colectivos desfavorecidos”.
SANIDADE, POLÍTICA SOCIAL E EDUCACIÓN
Na súa intervención, a viceportavoz popular referiuse en concreto a tres ámbitos aos que o informe da Valedora fai especial mención: a sanidade, a política social e a educación. “Foron moitas as queixas que se teñen iniciado de oficio co fin de comprobar que estes servizos fundamentais durante a pandemia estaban a funcionar axeitadamente, pero todas foron pechadas ou arquivadas porque a Administración autonómica estaba a cumprir a lei e os protocolos correspondentes, ou inmediatamente poñía en marcha medidas para arranxar algunha deficiencia”, subliñou.
Prado manifestou que “a porcentaxe de queixas respecto á calidade da atención sanitaria é moi baixa, o que supón a mellor proba da calidade da nosa sanidade, tanto dos recursos como dos profesionais que hai ao fronte, sendo esta unha das mellores sanidades do mundo”. “A pesar das dificultades, a sanidade galega funcionou ben e dou resposta á unha crise sanitaria sen precedentes na que nos vimos inmersos”, sinalou.
“Anticipación na implantación de medidas, na compra de material e no reforzo da plantilla sanitaria, ese foi e segue sendo o modelo de Galicia para enfrontarse á pandemia”, asegurou.
COMPORTAMENTO EXEMPLAR
Respecto da política social, Paula Prado explicou que o informe da Valedora do Pobo destaca “o comportamento exemplar que demostrou o persoal de atención das residencias, a pesar das circunstancias adversas coas que estiveron traballando, sobre todo ao principio da pandemia cando había insuficiencia de medios debido ás dificultades de abastecemento que, co paso do tempo, foise corrixindo e o subministro foi máis amplo”.
Así mesmo, lembrou que a Consellería aprobou un plan de reforzo do servizo de axuda no fogar co incremento de horas de servizo, reducindo as listas de espera, mesmo no caso de persoas dependentes con menor grao de dependencia; ao tempo que se aprobaron 9 millóns de euros para flexibilizar os requisitos das prestacións de inclusión.
No ámbito da educación, a viceportavoz popular manifestou que “tamén se recoñece o traballo feito pola Administración autonómica para dotar de solucións nos casos nos que xurdiron algúns problemas”. En concreto, o informe destaca “o inxente traballo da Xunta para poñer en marcha un novo curso escolar, compatibilizando a atención educativa, primando a presencialidade e coa perspectiva baseada na prevención”.
“Hoxe, unha vez rematado o curso escolar, temos que recoñecer que a comunidade educativa foi a que demostrou un mellor comportamento fronte á pandemia”, polo que Paula Prado fixo “un recoñecemento público tanto a profesores como ao alumnado”.