2 de xaneiro de 2023. O viceportavoz popular Alberto Pazos indicou hoxe en rolda de prensa que o Grupo Popular continuará insistindo na necesidade de incluír o peixe, a carne e as conservas na baixada do IVE aos produtos esenciais para a cesta da compra das familias, aprobada recentemente polo Goberno do Estado.
“A baixada de produtos de primeira necesidade, proposta fai meses desde o PP e recibida con duras críticas por parte do mesmo Goberno que agora decidiu copiala, prodúcese lamentablemente a costa de aforrarse as axudas ao combustible, como se as familias españolas puidesen decidir entre encher a súa neveira ou o depósito do seu automóbil, entre comer ou traballar” indicou Alberto Pazos.
Pero es que, ademais, sinalou o voceiro popular “deixase fóra desa baixada produtos esenciais para a cesta da compra das familias, e tamén para a economía galega, como son o peixe, a carne ou as conservas, sendo unha medida totalmente discriminatoria co sector primario e que supón unha desvantaxe competitiva e un prexuízo directo para os produtores”.
Alberto Pazos lembrou que o Parlamento de Galicia xa aprobou, en diversas ocasións, iniciativas remitidas ao Goberno central nas que solicitaba a rebaixa do IVE do 10 ao 4 por cento para o peixe, de xeito que se iguale ao que aplican outros países da Unión Europea.
“Unha rebaixa do IVE nestes sectores estimularía a demanda interna, ao tempo que facilitaría a súa adquisición por parte dunhas familias que están sufrindo unha suba considerable de prezos” sinalou Alberto Pazos.
PARALIZACIÓN DE PROXECTOS INDUSTRIAIS FUNDAMENTAIS
Outra cuestión que o viceportavoz popular considerou como prioritaria neste principio de ano, foi a necesidade de concretar a distribución dos Fondos Next Generation, para apuntalar proxectos fundamentais para o futuro da industria galega.
“Alcoa, Stellantis, Altri e outros moitos proxectos continúan nun limbo de burocracia e indefinición que non debería continuar nin un día mais, o futuro industrial de Galicia non pode depender de que a Ministra do ramo atope un oco na súa axenda como candidata á Alcaldía de Madrid para resolver estas cuestións esenciais para a nosa industria” sinalou Alberto Pazos.
O voceiro popular indicou que o único motivo deste retraso é a decisión do Goberno de España de centralizar a xestión dos fondos europeos “e se non é quen de xestionalos o Goberno do Presidente Rueda xa manifestou que está disposto a asumir esa responsabilidade”.
O que non se pode permitir, indicou Alberto Pazos, é que o Goberno de España eluda a súa responsabilidade namentres controla o 100% dos fondos europeos, ao tempo que os seus socios neste Parlamento esixen responsabilidades ao Goberno galego.
“Agardamos que este 2023 nos traia un pouco mais de coherencia por parte do goberno de España e n pouco mais de lealdade por parte dos seus socios neste Parlamento” sinalou Alberto Pazos engadindo que “imos seguir traballando para mellorar os servizos que reciben os galegos, tanto no ámbito da sanidade, como das prestación sociais ou da educación e, coma sempre, tentaremos facelo coa man tendida”.
O viceportavoz popular tivo un recordo agarimoso para as familias do compositor Rogelio Groba e para todo o concello de Ponteareas “que perdeu un personaxe indispensable e insubstituíble” e para a familia de “Pucho” Barciela un “hosteleiro de referencia en Redondela e un dos creadores da Festa do Choco”.