Santiago, 23 de marzo de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo solicitou hoxe ao Goberno de España “a constitución dun grupo de traballo multidisciplinar, no que participen as sociedades científicas, o Comité de Bioética de España e o Consejo General de Colegios Médicos de España, entidades todas elas coas que non se contou na fase de elaboración desta Lei, para tratar todas as cuestións que suscita a súa entrada en vigor e permitir que a súa aplicación se faga con plenitude de garantías no sistema legal e sanitario”.
Así mesmo, respecto da Lei galega 5/2015 de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, a deputada popular avogou por estender as facilidades para a recollida e aceptación do documento de instrucións previas sobre coidados e tratamento da saúde coa habilitación de recepción, baixo as condicións de garantías actuais, por parte do persoal dos centros sanitarios, ao mesmo tempo que se continúa coa aplicación desta Lei, incorporando progresivamente calquera avance científico que colabore na prevención e alivio da dor e o sufrimento dos enfermos terminais, evitando a obstinación terapéutica e procurando a ortotanasia ou boa morte do paciente.
Marta Rodríguez-Vispo salientou que esta Lei galega, aprobada por unanimidade no Parlamento galego, “foi tomada como referencia noutras comunidades autónomas e está servindo para protexer e respectar a dignidade da persoa ata o final da vida, os dereitos e desexos dos pacientes terminais e garantindo que reciban os coidados paliativos, pero tamén os tratamentos axeitados para conseguir unha boa morte”.
POSIBLE INCONSTITUCIONALIDADE
No debate dunha proposición no de lei no Pleno sobre a aplicación da Lei Orgánica de regulación da eutanasia, Marta Rodríguez-Vispo indicou que “a lei de eutanasia se tramitou nun momento complicado, en medio dunha pandemia na que morreron máis de 40.000 persoas maiores de 65 anos, con pouco período de reflexión, nun Congreso limitado pola declaración do estado de alarma, sen comparecencias nin debates e sen escoitar as organizacións sociais, as sociedades medicas, as entidades de discapacidade ou de bioética”, lamentou.
Así mesmo, Rodríguez-Vispo anotou que “se aprobou unha lei da que moitos expertos, catedráticos, profesores de dereito constitucional e académicos de xurisprudencia din que é inconstitucional, de aí algúns recursos que se queren presentar contra ela”.
“Unha lei tan importante no ámbito sanitario merece que os profesionais teñan a información, porque os médicos teñen dúbidas de como aplicar todo isto”, sinalou a deputada popular, quen apuntou que a aplicación desta norma “non se pode facer dun día para outro, polo que consideramos necesario que se constitúa un grupo de traballo multidisciplinar sobre a aplicación desta lei a nivel do conxunto de España”.