Santiago, 7 de agosto de 2017.- A viceportavoz do Grupo Popular Paula Prado del Río presentou hoxe en rolda de prensa unha iniciativa encamiñada a solicitar do Ministerio de Xustiza a creación daquelas unidades xudiciais necesarias para Galicia, así como o reforzo dos órganos xudiciais naquelas xurisdicións que precisan apoio pola carga de traballo que teñen.
Paula Prado indicou que a iniciativa, que ten como obxectivo a mellora do funcionamento da Xustiza, solicita que o Ministerio estableza canto antes o número de xulgados que lle corresponden a Galicia para o 2018, destacando que dende 2010 non se ten creado ningún novo en Galicia e logo de aprobarse os orzamentos está previsto que se poda poñer en marcha o proceso para a próxima creación de novas unidades xudiciais. Así recordou que as catro novas unidades xudiciais asignadas para Galicia no 2017 entrarán en funcionamento a finais de ano ou comezos do 2018 “grazas á aprobación do orzamento do Estado”.
COMPROMISO DA XUNTA
Paula Prado destacou o compromiso da Xunta de aceptar todas as unidades que asignen xa que existen Comunidades Autónomas que non aceptan todos os xulgados por dificultades económicas. “Galicia é unha Comunidade solvente e está en disposición de asumir todas as unidades xudiciais que o Ministerio lle ten asignado e non renunciará a ningunha unidade xudicial”
Nese senso a viceportavoz popular inidicou que a Xunta leva gastado 1 millón de euros anuais en reforzo de xulgados e en xulgados paralelos nos partidos xudiciais que máis o precisan por mor da carga de traballo (Familia en Vigo, Social en Coruña e Vigo, cláusulas chan ou en xulgados de instrución con causas penais complexas).
Paula Prado indicou que o Goberno da Xunta, a pesar das dificultades económicas na pasada Lexislatura, apostou fortemente polo Plan de Infraestruturas Xudiciais e así hoxe é unha realidade a rehabilitación da Fábrica de Tabacos para uso xudicial, ou a nova sede para o Rexistro Civil da Coruña. En canto á nova construción lembrou o novo edificio xudicial de Santiago, o novo edificio de Ourense ou a nova sede do Servizo Común de Actos de Comunicación e Execución de Vigo. Ademais, engadiu, “realizaronse obras de rehabilitación nas sedes xudiciais de Betanzos, A Coruña, Ferrol, Lugo, Celanova, Carballiño; na fiscalía de Vigo e acometéronse traballos de climatización nas sedes de Cambados, Vilagarcía e Vigo e no 2017 está en marcha o novo edificio xudicial da Parda en Pontevedra, a Cidade da Xustiza de Vigo ou o novo edificio xudicial de Tui así como unha actuación non prevista inicialmente no Plan como é as obras na fiscalía de Santiago de Compostela”.
Estas actuacións, indicou Paula Prado, amosan que o Goberno da Xunta está comprometido coa mellora do funcionamento da Xustiza e está a desenvolver as actuacións conducentes a satisfacer as necesidades de novas unidades xudiciais. Por elo, instamos ao Ministerio para que cree en Galicia estas novas unidades xudiciais que se precisan para favorecer a axilización da Xustiza.
APOIO DO GRUPO POPULAR A IMPLANTACIÓN CRIMINOLOXÍA
Paula Prado tamén amosou o apoio do PPdeG a implantación do Grado de Criminoloxía na Universidade de Santiago polo traballo académico desenvolvido polo Instituto de Criminoloxía “referente nacional na materia”.