Santiago, 3 de febreiro de 2020.- O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana que o Goberno central atenda as demandas prioritarias fixadas na Axenda Galicia, aprobada polo Goberno galego o pasado 31 de outubro. “Temos cumprido todos os compromisos e entendemos que desde esa lexitimidade de ser unha comunidade leal podemos demandar que Goberno central cumpra coas obrigas que ten con Galicia”, sinalou o portavoz popular, Pedro Puy.
A sesión plenaria que se celebra mañá e o mércores dará comezo coa comparecencia do conselleiro de Sanidade para informar das actuacións levadas a cabo pola Xunta para a mellora dos hospitais comarcais, achegando a atención ao paciente incrementando tanto os servizos prestados como incorporando novas instalacións e material sanitario.
DITAME COMISIÓN IGUALDADE
A continuación, o Pleno debaterá e votará o ditame emitido pola Comisión non permanente de estudo para a igualdade e para os dereitos das mulleres, creada xa na pasada lexislatura e na que compareceron cerca de 80 especialistas e se analizaron máis de 30 informes. Puy felicitou “aos membros desta comisión, que desenvolveron un traballo importante que vai dirixido a asentar as bases dun pacto galego contra a violencia machista”.
“O propio ditame pon en evidencia os avances que se fixeron en Galicia logo da aprobación da Lei orgánica en 2004 e da Lei galega de prevención e tratamento integral contra a violencia de xénero de 2007, situándonos moi por diante na protección, na prevención, nos recursos, na asistencia, na formación, na sensibilización, na educación, no emprego, na economía e, en definitiva, en tódolos ámbitos con respecto a violencia de xénero”, dixo.
Deste xeito, o portavoz popular apuntou que este ditame servirá de base para a elaboración do Pacto Galego contra a violencia de xénero, “unha proposta de traballo onde todos os grupos políticos estamos de acordo para erradicar esta lacra social xénero, do mesmo xeito que fixemos en 2017 coas propostas que aprobamos e remitimos para o Pacto de Estado contra a violencia machista”.
GALICIA, COMUNIDADE LEAL
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular reclamará ao Goberno de España as demandas recollidas na Axenda Galega, que ten como “punto de partida que Galicia ten sido unha comunidade leal, exemplarmente no cumprimento das normas de estabilidade financeira”. Puy referiuse expresamente á débeda de 200 millóns de euros correspondente á mensualidade do IVE de 2017, unha demanda “á que cada vez se están a sumar máis comunidades e representantes socialistas”.
“Outra cuestión sobre a que se está a facer menos ruído, pero que afecta especialmente Galicia, é o pago das compensacións económicas por ser unha comunidade cumpridora en materia financeira”, sinalou o portavoz popular, que considerou de “xustiza que se manteña o que está aprobado e na vixente Lei de orzamentos do Estado, que suporía 170 millóns de euros para a nosa Comunidade autónoma”.
Pedro Puy lembrou que o Parlamento galego xa aprobou unha proposición non de lei que daba distintas alternativas ao Goberno de España para o pago desta débeda: ben directamente a través do sistema de pago que realiza habitualmente para pagar ás comunidades, que foi o sistema que utilizou para abonar as entregas a conta; ou a través dunha asunción do endebedamento correspondente por parte da Administración central. “Estas saídas que propuxemos e aprobamos na Cámara son inmediatas e amosarían a vontade do Goberno de recoñecer que a Administración central ten máis déficit do que di e as comunidades menos do que vai a resultar como consecuencia da falta desta transferencia do IVE”, indicou.
Ademais, criticou que o secretario xeral dos socialistas galegos “non recoñeza o que están a recoñecer outros líderes socialistas para que o Goberno central dea ás comunidades o que lles corresponde” e subliñou que “o anterior Goberno do PP axudaba ás comunidades autónomas cando tiñan problemas financeiros e o actual Goberno socialista está a meter nun problema financeiro ás comunidades, incluso ás cumpridoras como é o caso de Galicia”.
O portavoz popular engadiu que a Axenda Galicia inclúe, ademais destas cuestións económicas, outras demandas como o remate das obras do AVE a Galicia nos prazos comprometidos; diversas necesidades en materia de estradas, comezando pola transferencia da AP-9 e da AP-53; apoio aos sectores produtivos galegos, como as empresas electrointensivas, a automoción, o naval, o agrogandeiro, a pesca, as enerxías renovables ou o Xacobeo 2021, así como unha transición enerxética xusta que se aplique ás centrais térmicas; e o apoio á administración galega na prestación de servizos públicos en ámbitos como a sanidade, os servizos sociais, a dependencia, a xustiza ou a educación infantil. “Estamos a falar de demandas que xa se debateron e contaron co apoio do Parlamento de Galicia”, asegurou.
VENTA DE BILLETES
Así mesmo, o Grupo Popular defenderá no Pleno outra proposición non de lei dirixida a reclamar ao Goberno de España que rectifique a súa decisión de deixar sen servizo de venda presencial de billetes ás estacións ferroviarias de Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela, tomando as medidas oportunas para garantir o mantemento deste servizo nas estacións afectadas
“Neste momento, o ADIF ten anunciado que renuncia provisionalmente a este plan de peche de venta de billetes presencial nestas estacións ferroviarias, pero é necesario que esta decisión sexa definitiva e os usuarios destas oito estacións non vexan mermada a calidade dos servizos ferroviarios que reciben”, manifestou.