Santiago, 19 de decembro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe, coa abstención de todos os grupos da oposición, a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas, “unha boa lei, razoable e froito do diálogo, que recolle aportacións de todo o sector e na que o 70 por cento do articulado conta co aval da oposición”, concretou o deputado popular Alberto Pazos.
Na súa intervención, Pazos lembrou que este texto lexislativo “xurde da necesidade de regular unha inxente e moi diversa variedade de eventos que se celebran ao longo de todo o ano en Galicia, para os que os distintos axentes que participan nos mesmos reclamaban unha normativa que delimitase con claridade cales eran os dereitos e as obrigas que correspondían a cada quen”.
“Froito do dialogo aberto, fluído e sostido durante longo tempo, xurdiu un texto que, con toda seguridade, non colma plenamente as aspiracións de ningún dos distintos sectores afectados pola norma, pero si é capaz de proporcionar un marco de actuación no que todos eles podan desenvolver a súa actividade de maneira equilibrada, razoablemente satisfactoria e coa precisa seguridade xurídica”, sinalou .
RAZOABLEMENTE SATISFEITO
Alberto Pazos amosouse “razoablemente satisfeito do resultado do diálogo mantido durante a tramitación parlamentaria”. Neste sentido, explicou que dos 42 artigos e 12 disposicións que compoñen esta lei, 23 non recibiron emendas dos grupos parlamentarios; e outros 14 foron modificados a proposta da oposición. “En consecuencia, un 70 por cento do articulado desta Lei conta co aval da oposición”, salientou.
O deputado popular referiuse especificamente ás dúas emendas incorporadas polo Grupo Popular ao texto lexislativo. “A primeira delas incide na redacción do artigo 40 da Lei do emprendemento e da competitividade de Galicia, simplificando de maneira notable a regulación das actividades sometidas a declaración responsable”, concretou.
A segunda das emendas presentadas polo Grupo Popular suprime o apartado que establecía cales eran as actividades exentas de declaración responsable, de licenza municipal e de autorización autonómica, en atención a distintas circunstancias relacionadas coa súa escasa entidade ou incidencia. Pazos explicou que con esta supresión “dotamos aos concellos de maior autonomía para que regulen esta exención a través das súas ordenanzas municipais”.
Así mesmo, o Grupo Popular aceptou no debate de hoxe incorporar ao texto lexislativo dúas emendas transaccionadas con En Marea para que se cumpra a normativa en materia de prevención de consumo de bebidas alcohólicas, tabaco e substancias ilegais; así como para que as persoas con intolerancias ou alerxias alimentarias teñan garantido o acceso a comida específica, ben mediante a oferta destes alimentos no interior dos recintos, ben establecendo a imposibilidade de impedirlles que accedan aos recintos con alimentos especiais adaptados ás súas necesidades no caso de que non exista esa oferta no interior.