Santiago, 26 de setembro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, unha norma que sae adiante coa conformidade de todos os grupos parlamentarios sobre máis do 80 por cento do articulado e que combate o maltrato, promove a adopción e busca concienciar a toda a sociedade na tenza responsable.
O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, asegurou que se trata “da mellor lei española” neste ámbito e lamentou que a oposición votara en contra “do maior avance en protección dos animais na nosa terra”, logo de terse abstido na aprobación do ditame en comisión.
Gonzalo Trenor subliñou na súa intervención “o diálogo que houbo na elaboración deste texto lexislativo con asociacións, colectivos, colexios e protectoras, así como durante o trámite de audiencia e no procedemento de exposición pública”. “Ademais, este diálogo mantívose durante a tramitación parlamentaria do proxecto de lei, tanto dentro da propia ponencia como fóra dela”, indicou.
Froito deste diálogo é que en dúas terceiras partes das emendas houbo acordo entre os grupos, logo de que máis da metade da lei non fora emendada. “Houbo acordo nos fins da lei; nas definicións; nas competencias das administracións; nas obrigas das persoas propietarias e posuidoras; nos núcleos zoolóxicos; no transporte de animais; nos eventos con animais; na regulación dos animais perigosos; na recollida de animais abandonados; na adopción; no apartado de asociacións de protección; no Comité Consultivo para a Protección Animal; no Título de divulgación, educación e formación; ou no réxime sancionador”, concretou Trenor.
DESENVOLVEMENTO DA LEI CUN REGULAMENTO
O portavoz popular engadiu que na nova lei “fanse prohibicións xenéricas e específicas; establécense obrigacións aos posuidores; ferramentas para acadar os obxectivos desta lei; rexistros; ou os procedementos sancionadores”.
Ademais, lembrou que a propia norma recolle que “todo isto vai a ser desenvolvido por un regulamento, nun prazo dun ano como máximo, no que se establecerán con todo detalle as cuestións que de forma máis xenérica define a lei”.A modo de resumo, Gonzalo Trenor apuntou que na nova lei “estamos a falar de perseguir o maltrato animal, en tódalas súas manifestacións e endurecendo o procedemento sancionador; de prohibir calquera conduta que ocasione dor os animais, sufrimento ou danos evitables; de acabar coas condicións inadecuadas desde o punto de vista hixiénico- sanitario ou ambiental, ou non atender as súas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas; así como de empregar ós animais en atracción feirais, de regalar animais como recompensa ou premio en eventos públicos ou de utilizalos como medio de publicidade en actividades ambulantes”.
Ademais, Trenor puntualizou que prohíbense as mutilacións aos animais, e máis en concreto as de carácter estético; o tiro ao pombiño; a utilización de animais salvaxes nos circos; ou os cans atados de forma permanente.
NORMAS ESPECÍFICAS
A nova lei impulsa a adopción dos animais abandonados; prohibe que se sacrifiquen os animais nas canceiras; créase a figura do acollemento temporal e das casas de acollidas; impúlsase o papel da identificación dos animais para combater o seu abandono e maltrato; créanse as colonias felinas; e promóvese a tenza responsable como o mellor medio para previr o abandono e o maltrato.
En relación coa exclusión dos animais de autoconsumo, équidos, festexos taurinos e animais de experimentación do ámbito de aplicación desta lei, Gonzalo Trenor explicou que responde a que dispoñen de normas reguladoras específicas, autonómicas, nacionais ou comunitarias. “Esta redacción xa estaba presente na anterior lei de 1993, e ten todo o sentido xa que as leis fanse para ser aplicadas e non para andar pleiteando con tódalas administracións”, manifestou.