Santiago, 14 de maio de 2021- A Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a iniciativa para que nas próximas convocatorias de axudas dirixidas aos Grupos de Desenvolvemento Rural se inclúan novos criterios que poñan en valor a recuperación económica e social en cuestións derivadas da incidencia que está tendo a Covid19, a protección da saúde, ou mesmo a posibilidade de aplicar as novas ferramentas que contemplará a nova Lei de Recuperación de Terra.
O deputado popular José Antonio Armada, encargado de defender a iniciativa, recordou que os GDR’s posúen unha dilatada experiencia na xestión do desenvovemento e dinamización dos territorios rurais, polo que a súa implicación e colaboración son decisivas para concretar medidas a prol da reactivación económica e social do noso agro, sobre todo no contexto actual de cara a superar as dificultades provocadas pola emerxencia sanitaria xerada pola pandemia da Covid19.
“Coa implantación do programa LEADER en todo o territorio rural galego,os 24 GDR puxeron en funcionamento as súas estratexias de desenvolvemento local, unha aposta clara pola participación na toma de decisión e por fortalecer a gobernanza local e a animación social no rural” indicou José Antonio Armada, quen indicou que se trata de instrumentos esenciais para a promoción de dinámicas de traballo participativas e a súa principal función está na aplicación das estratexias europeas de desenvolvemento local participativo a través do programa LEADER”.
Dada a indubidable afectación pola pandemia, o deputado popular sinalou que Agader considerou imprescindible ter en consideración estas circunstancias excepcionais, de cara ao cumprimento das obrigas derivadas do mantemento e creación de emprego recollidas nas resolucións de concesión de axuda aos proxectos LEADER , subvencionados, e o DOG do 18 de marzo de 2021 xa publicou a modificación das bases reguladoras das axudas ao abeiro da medida LEADER.
“A tramitación dunha nova Lei de recuperación da terra agraria e os novos instrumentos que regula, este programa debe prever a posibilidade de dar soporte a proxectos vinculados a estes instrumentos, tanto aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e as actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo, como aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como son os plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo” indicou José Antonio Armada.
Por todo elo, o deputado popular recordou a asignación da medida LEADER para o período 2014-2020 de 84 millóns de euros e os seus principais obxectivos pasan por mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social.