O Parlamento aprobou, hoxe, sen votos en contra, instar de novo ao Goberno central a que cumpra cos compromisos adquiridos e proceda á inmediata apertura do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que acumula “vinte anos de peche inxustificado”.
Tras adiarse ata finais de 2026 o prazo de remate das obras –ao incumprirse o fixado para o primeiro trimestre deste ano-, o Grupo Popular, a través dunha proposición non de lei, solicitou ao Goberno central a que acabe coas “aldraxes a Ourense”.
Segundo relatou o deputado do Grupo Popular, Juan Casares, foi en 2002 cando o museo pecha ao público para a súa remodelación arquitectónica e a súa adaptación á nova museoloxía, trasladando os servizos e a colección a outros edificios da provincia. “Desde ese momento e ata 2012, o museo entra en vía morta”, dixo. Sería, explicou, durante o Goberno de Mariano Rajoy cando se retoma o proxecto de reforma e acondicionamento, a partir dun novo plan museolóxico, elaborado pola propia entidade. Pero, tal e como lamentou, durante o Executivo de Pedro Sánchez o proxecto vólvese paralizar.
A obra adxudicaríase, finalmente, en 2019, por máis de 9,2M€ e cun prazo de execución de 30 meses –contados a partir de setembro dese mesmo ano-: “En 2022, no canto de estaren rematadas as obras, só ían executadas ao 20%”. Así, salientou que, actualmente, “o certo é que seguimos agardando, mentres o museo segue pechado ao público”. “Unha mostra máis –engadiu- do nulo compromiso do Goberno central con Ourense e a súa provincia”.
MEDIDAS PARA REDUCIR O ABANDONO ESCOLAR TEMPERÁN
Por outra banda, a deputada popular, Patricia García, a través dunha proposición non de lei –aprobada por unanimidade- solicitou á Xunta de Galicia reforzar e ampliar as actuacións dirixidas á redución do abandono educativo temperán, co obxectivo de manter a Comunidade por debaixo da media estatal e avanzar cara unha “tendencia cero”.
Así, referiuse ao dato de abandono escolar, correspondente ao ano 2025, que se sitúa no 10,4% –en 2009, este dato era do 26%- e que coloca a Galicia 2,4 puntos por debaixo da media estatal, situada no 12,8%. Neste punto, apuntou que a posición de Galicia, entre as mellores posicionadas do Estado, evidencia o impacto positivo das políticas impulsadas polo Goberno galego, especialmente, na aposta decidida pola Formación Profesional, coa posta en marcha de novas vías formativas como a FP Acelerada e o reforzo da FP Básica.
Do mesmo xeito, e atendendo ás novas realidades do mercado laboral e á chegada de alumnado estranxeiro, sinalou que o Goberno galego puxo en marcha o Plan FPGal360, cuxo fin é garantir que toda a cidadanía poida acceder a algún tipo de acreditación profesional. Nesta liña, fixo mención ao programa Cualifica Talento, que comezará a funcionar nos próximos meses e a través do cal o Goberno galego busca actuar sobre os colectivos identificados como os que máis abandono escolar concentran.
Tal e como afondou a deputada popular, os datos de abandono escolar poñen de manifesto unha brecha de xénero que require dunha resposta específica, xa que, mentres a taxa de abandono escolar entre as mulleres se situou no 7,2%, entre os homes acadou, case o dobre, o 13,5%. Por iso, a iniciativa do Grupo Popular contempla tamén o desenvolvemento de medidas específicas para, precisamente, rachar con esta brecha do xénero no abandono educativo temperán, con, engadiu Patricia García, actuacións adaptadas ás realidades educativas, sociais e laborais do alumnado.
O voto favorable do Grupo Popular posibilitou, tamén, a aprobación de dúas iniciativas dos grupos da oposición, relativas á construción dunha pista deportiva cuberta, no IES Concepción Arenal, de Ferrol; e á creación do Centro Galego de Fotografía.