Santiago, 8 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do Grupo socialista, a través da que se pide ao Goberno de España que se implique activamente, co Goberno galego e cos traballadores, en atopar unha solución que permita reactivar a actividade da planta de Alu Ibérica en A Coruña da man dun socio industrial que presente un proxecto sólido e viable que dea continuidade aos empregos. Ademais, pídese a mediación da ministra de Traballo e Economía Social para evitar que o ERTE actualmente vixente poida terminar con recolocacións ou despedimentos.
No debate desta proposición non de lei, no que tamén se solicita ao Goberno central que aplique todos os instrumentos ao seu alcance para garantir un prezo eléctrico competitivo e estable para toda a industria electrointensiva, o viceportavoz popular, Miguel Tellado, explicou que esta iniciativa “xurde da última reunión que desde o PPdeG mantivemos cos membros do Comité de Empresa de Alu Ibérica o pasado 24 de xaneiro”.
“Buscamos provocar un cambio de actitude no Goberno de España e que dea un paso adiante para que se implique activamente na situación da planta coruñesa e, sobre todo, para que poña fin ao principal problema da súa falta de rendibilidade e dificultade para atopar investidores: a carencia dun marco enerxético competitivo e estable”.
Miguel Tellado lembrou que “foi o Goberno socialista de Pedro Sánchez quen avalou a venda das plantas de Alcoa en A Coruña e Avilés a Partner Capital Group a pesar das advertencias tanto da Xunta como do Principado de Asturias”. “Unha venda de alto risco, pero que ao Goberno socialista lle viña moi ben electoralmente sen pensar moito na súa viabilidade”, engadiu.
“E así chegamos ata a situación actual, na que os traballadores están nun momento de incerteza total sobre o seu futuro e reclaman solucións xustas que garantan os seus postos de traballo e a viabilidade industrial da planta”, manifestou o viceportavoz popular.
Porén, apuntou que “esta viabilidade e rendibilidade é moi complexa pois co actual prezo da enerxía eléctrica, que dobra o prezo dos veciños europeos, é moi difícil evitar a deslocalización e fomentar os investimentos tanto en Galicia como no resto de España”.
CADERNO DE VENDAS
Tellado afirmou que “temos un obxectivo compartido: traballar na busca dunha alternativa industrial que permita contar a futuro cun proxecto sólido para a planta de Alu Ibérica”. Por este motivo, o Goberno galego elaborou, xunto cos traballadores da planta, un caderno de vendas no que se avoga por converter a fábrica de A Coruña nunha planta de aluminio verde na que prime a economía circular.
Para rematar, Miguel Tellado lamentou que o Goberno central “non foi capaz en tres anos de ofrecer un prezo eléctrico estable e competitivo para que se puidese manter a produción de aluminio primario en A Coruña”. “A Xunta está a facer todo o posible para mediar nesta situación, pero é fundamental que o Goberno central se implique, porque un ministerio non pode prometer arranxar o que está desfacendo outro ministerio”.