O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que, namentres non se chegue a un acordo cos colexios profesionais veterinarios, as asociacións protectoras animais e as administracións públicas autonómicas, se adopte unha moratoria na aplicación do Real Decreto 666/23 que regula a distribución, prescrición, dispensación e uso de medicamentos veterinarios.
O deputado popular Juan Casares cualificou de “paragóxico e contraditorio que o Goberno de Pedro Sánchez non fixera unha consulta co servizo veterinario antes de aprobar unha normativa que non só lles atinxe de xeito directo, senón que ten efectos perversos sobre a protección animal”. “Estamos ante unha situación que podemos cualificar tanto de maltrato animal, porque pon en risco a vida de mascotas, como de un menosprezo absoluto á profesión veterinaria, fundamental para a saúde tanto animal como humana”, apuntou.
INCREMENTO DE CUSTOS E BUROCRACIA
A través desta nova normativa, “o veterinario sofre un incremento esaxerado de custos, ao tempo que se xeran efectos colaterais que poden derivar no sufrimento innecesario do animal e, incluso, resolverse coa súa morte por falta de acceso aos tratamentos axeitados”, dixo o deputado popular.
Ademais, indicou que o novo decreto “soterra aos veterinarios en burocracia, menospreza a súa experiencia e coñecemento, e limita perigosamente a capacidade de prescrición de antibióticos, podendo derivar na morte de mascotas”. “Ao mesmo tempo, amedrenta aos profesionais pola vía coercitiva, coa ameaza de multas elevadas ante calquera erro burocrático e pon en risco a viabilidade das clínicas”, engadiu.
Juan Casares asegurou que os veterinarios “sempre estiveron, están e estarán comprometidos co uso racional e sostible dos medicamentos, nomeadamente dos antibióticos, e son conscientes da problemática que xera a resistencia derivada do uso abusivo”. Neste sentido, lembrou que España, segundo a Organización Colexial Veterinaria, é o país europeo cunha maior redución do uso de antibióticos na sanidade animal entre os anos 2014 de 2022.
OUTRAS ACTUACIÓNS NECESARIAS
A proposición non de lei aprobada hoxe no Parlamento galego, ademais de pedir unha moratoria na aplicación do Real Decreto 666/23, tamén pide ao Goberno central homoxeneizar o sistema nacional de declaración de antibióticos que chegan ao poder dos titores de mascotas e gandeiros de animais de produción, así como derrogar de xeito inmediato o réxime sancionador relacionado coas notificacións de prescrición de antimicrobianos, previsto na Lei estatal de Sanidade Animal, substituíndo por un novo que respecte e garanta a proporcionalidade das sancións.
Así mesmo, pídese apoio aos veterinarios, a través da modificación do Real Decreto 1/2015, reforzando a figura da cesión de medicamentos con destino ós animais, necesarios para a atención urxente dos mesmos; simplificar os trámites de importación de medicamentos veterinarios, garantindo que as restricións normativas non dificulten o acceso a tratamentos esenciais para os animais; revisar a normativa para equiparar os prezos dos tratamentos de animais ós de uso humano, cando conteñan os mesmos principios activos; actualizar as fichas técnicas e prospectos dos medicamentos veterinarios para que reflictan os seus posibles usos e aplicacións; e promover a redución do 21 por cento do IVE aplicable aos servizos veterinarios, que penaliza tanto a saúde e benestar animal como a saúde pública.