Santiago, 22 de abril de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Ministerio de Educación que rectifique a súa esixencia para o acceso ás bolsas para alumnado con necesidades educativas especiais e con necesidades específicas de apoio educativo, de xeito que recupere e mellore os criterios para facilitar a súa concesión e propiciar que as familias e o alumnado poidan ter un mellor acceso a unha atención educativa e social que contribúa á súa inclusión real.
A deputada popular Rosalía López explicou que o Ministerio de Educación e Formación Profesional viña convocando ata o curso 2019-2020 unhas axudas dirixidas a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo derivadas de discapacidade ou trastorno grave de conduta acreditados mediante algunha das seguintes vías: certificado dun equipo de valoración e orientación dun centro base do Instituto de Mayores y de Servicios Sociales ou órgano correspondente da comunidade autónoma; certificado dun equipo de orientación educativa e psicopedagóxica ou do departamento de orientación dependentes da administración educativa correspondente; ou certificado de discapacidade.
Porén, no curso 2020-2021 a resolución destas axudas se modifica de xeito significativo e só estarán destinadas ao alumnado con certificado de discapacidade, ao que ademais pasou a esixírselle un grao de discapacidade de polo menos o 33 por cento.
Ademais, o artigo 7 do Real Decreto 471/2021 concreta as axudas a catro grupos específicos de alumnado con necesidades especiais de apoio educativo (Trastorno do Espectro Autista, trastorno grave de comunicación e da linguaxe, necesidade específica de apoio educativo derivada de discapacidade ou trastorno grave de conduta e aqueles con alta capacidade intelectual), deixando fora a alumnos con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade, dislexia, discalculia ou disortografía, xa que este grupo, para poder optar ás bolsas deberá acreditar un 33 por cento de discapacidade.
DISCRIMINACIÓN OBVIA E FLAGRANTE
“As familias ven como, pouco a pouco, foron endurecéndose os requisitos ata que na actualidade a práctica totalidade dos nenos e nenas con TDAH, arredor de 20.000, quedaron fora da posibilidade de optar as axudas e bolsas correspondentes”, sinalou a deputada popular.
Rosalía López lembrou que “as familias levan tempo pelexando para que se desvincule a discapacidade e o trastorno de conduta da obtención das bolsas, de forma que o alumnado con TDAH e con necesidades específicas de apoio educativo poida acceder a estas axudas sen ter que presentar nin certificado de discapacidade nin de trastorno grave de conduta, ao igual que acceden outros colectivos dentro de trastornos do neurodesenvolvemento”.
Deste xeito, López apuntou que esta exclusión do colectivo de nenos con TDAH das bolsas que convoca o Ministerio de Educación “é unha discriminación obvia e flagrante, que deixa en risco social, persoal e educativo aos menores máis desfavorecidos”, polo que demandou que o Ministerio “debe dar respostas prioritarias a quen, cun trastorno do neurodesenvolvemento acreditado cientificamente, atope dificultades no desenvolvemento humano e formativo”.