O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do BNG e a abstención do PSdeG, a través da que se insta á Xunta a recoñecer a importancia das materias primas fundamentais e das materias primas estratéxicas para reforzar a autonomía estratéxica e reducir a dependencia do exterior, continuando coa axenda iniciada este 2025 e convocando novos concursos de dereitos mineiros caducados, co obxectivo de impulsar a investigación de materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos da economía de cara ao seu futuro aproveitamento. Así mesmo, pídese ao Goberno de España que promova as iniciativas lexislativas necesarias para o establecer o recoñecemento explícito das materias primas minerais como recursos de primeira necesidade e carácter estratéxico dentro da Reserva Estratéxica baseada nas Capacidades Nacionais de Produción Industrial (RECAP).
O portavoz popular de Industria, Rubén Lorenzo, lembrou que “Galicia representa o 9,5 por cento da produción mineira de España, sendo líderes en pedra natural; a cuarta comunidade en valor de produción, con 337 millóns de euros; e a segunda en emprego mineiro, con máis de 3.700 traballadores directos”. “Todo isto gracias a unha aposta clara da Xunta por unha minería sustentable e respectuosa co medio ambiente, coas persoas e co patrimonio”, subliñou.
Neste sentido, referiuse ao estudo elaborado pola Universidade de Santiago no que se confirma que Galicia alberga 18 dos 34 elementos críticos identificados pola Unión Europea, cun valor económico estimado entre 25.000 e 45.000 millóns de euros. “Galicia está literalmente sentada enriba dun tesouro estratéxico para Europa, pero hai quen pretende que o deixemos enterrado, mentres seguimos importando de China o 98 por cento dos minerais que necesitamos”, indicou o portavoz popular, quen asegurou que “iso non é ecoloxismo, é un autoboikot que hipotecaría o noso futuro”.
Rubén Lorenzo afirmou que Galicia xa ten proxectos mineiros en marcha, como a mina de Penouta, en Viana do Bolo; o complexo de litio Alberta, entre Pontevedra e Ourense; e a mina de Doade, considerada estratéxica pola Unión Europea. “Galicia ten recursos, ten un marco normativo estrito e ten tecnoloxía limpa para facelo ben”, sinalou o portavoz popular, quen, dirixíndose aos deputados do BNG e do PSdeG, demandoulles que “se queren seguir sendo os partidos do non, alomenos teñan a valentía de dicir que o seu non é un si á dependencia de China, á vulnerabilidade de Europa e á hipocrisía de vivir rodeados de tecnoloxía mentres rexeitan que Galicia poida producir de forma sostible os recursos que esa tecnoloxía necesita”.
Por último, lamentou que tanto BNG como PSdeG rexeitaran “apostar por un futuro con emprego, innovación e soberanía”, porque “negarse é renunciar, aceptar a dependencia e hipotecar o noso mañá”. “O PPdeG ofrece responsabilidade e progreso; os demais, inmobilismo”, concluíu.