Santiago, 9 de decembro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se demanda ao Goberno de España a presentación dos proxectos, licencias e autorizacións, así como o financiamento previsto e necesario, para o taller de subbloques e para a transformación do Estaleiro 4.0 de Ferrol, especialmente no que se refire ao dique seco cuberto.
Nesta mesma proposición non de lei tamén se pide ao Goberno central a realización da modernización do Estaleiro 4.0 con cargo aos orzamentos xerais do Estado ou a través dos novos Fondos Europeos; así como solicitar á Comisión Europea a consideración do sector naval como estratéxico, permitindo a excepcionalidade na restrición dos fondos europeos para que o sector naval de Ferrol poida beneficiarse de axudas a fondo perdido.
O deputado popular José Manuel Rey manifestou que o Estaleiro 4.0 supón “un profundo proceso de transformación que implementaron xa os principais estaleiros do mundo e abarca todas as áreas da compañía, onde a innovación tecnolóxica é un vector esencial xunto coa substitución do sistema construtivo de construción en grada a construción en dique”.
TRES INVESTIMENTOS CLAVES
No proxecto de transformación 4.0 do estaleiro de Ferrol aparecen tres investimentos claves: o dique seco cuberto, de 360×65 metros sobre o que xira todo o proxecto; o taller de subbloques; e a ampliación de tres novos muelles de 273, 200 e 350 metros.
Rey lamentou que “este proxecto estaba rematado en 2018, pero todo quedou conxelado co cambio de Goberno en Madrid: Pedro Sánchez cesou ao enxeñeiro naval Esteban Vilasánchez para colocar na Presidencia de Navantia a unha enxeñeira agrónoma andaluza, e novamente o plan estratéxico de Navantia mira cara ao sur”.
“Os orzamentos das fragatas previstos polo Goberno de Mariano Rajoy, que abandonou o poder por unha moción de censura unha semana despois de aprobalos, tiñan por fin 252 millóns de euros consignados para as fragatas que quedaron sen gastar en 2018, no 2019 e no 2020, deixando sen investir en Galicia 750 millóns de euros”, indicou.
MAREANDO COS PROXECTOS
Ademais, o promotor do proxecto (Navantia, a SEPI e o Estado) “estivo mareando con quen era o órgano substantivo para a tramitación do proxecto, pasándollo finalmente ao Porto de Ferrol, pero dous anos despois non depositan nin o aval para comezar a tramitación, tendo en conta que a tramitación ambiental leva anos a piques de caducar e haberá que empezar de cero”.
José Manuel Rey incidiu que “o mesmo está a acontecer co taller de subbloques, enredado en trámites burocráticos entre Navantia e o Concello de Ferrol para solicitar a licenza de obras, que tardan dous anos so en solicitala e co agravante de que descoñecemos cando a vai outorgar o Concello”.
“Entrementres, o naval de Ferrol esmorece e a cidade está nunha situación dramática de emerxencia social económica e laboral, coa taxa de paro máis alta de Galicia”, manifestou o deputado popular, quen demandou “realidades para confiar no futuro e concreción arredor dun obxectivo compartido por todos en Ferrol: partidos políticos, sindicatos e empresarios”.