Santiago, 5 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España un PERTE singular para destinar os fondos necesarios que permitan dar viabilidade aos proxectos industriais priorizados pola Comunidade galega.
Así mesmo, pídese que destine os 7.700 millóns de euros adicionais de fondos europeos que recibirá pola evolución do crecemento da economía nos últimos dous anos a articular novos PERTE en ámbitos como a bioeconomía, o forestal, o téxtil e a cultura, que deberían ser xestionados polas comunidades autónomas para evitar que se deixen sen executar uns fondos que son imprescindibles para os sectores económicos.
A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Nóvoa, manifestou que “Galicia ve nos fondos europeos unha oportunidade para a transformación industrial a partir de tres vectores de crecemento cruciais na próxima década: a sustentabilidade, a dixitalización e a innovación”. Así, dixo que “queremos abrir paso a unha economía máis verde, máis dixital e de máis coñecemento”.
“Estamos a falar dunha oportunidade histórica para a que Galicia se ten preparado desde o primeiro momento a través do traballo conxunto con expertos e o tecido produtivo galego, co obxecto de presentar unha candidatura de país”, engadiu. Esta candidatura está baseada na colaboración público-privada e aspira a obter as maiores sinerxias posibles en favor da viabilidade de proxectos tractores que axuden a consolidar e ampliar as cadeas de valor industrial estratéxicas da economía galega, pensando especialmente nas pequenas e medianas empresas, o desenvolvemento do rural e a xeración de emprego estable e de calidade.
CRÓNICA DUN FRACASO
Porén, lamentou que “a realidade en España é que a execución dos fondos europeos Next Generation está a ser a crónica dun fracaso”. Así, explicou que a propia vicepresidenta Calviño asegurou o pasado xoves no Congreso ter lanzado convocatorias por 9.372 millóns de euros dos máis de 33.000 millóns de investimento público asignado aos PERTE, “é dicir, só un 28 por cento despois de 15 meses de recibir a aprobación da Comisión Europea para executar estes fondos”.
Ademais, cerca de 2.400 millóns de euros do PERTE do vehículo eléctrico e conectado, o 80 por cento dos fondos, quedaron sen adxudicar logo da resolución provisional, deixando fóra á principal factoría de España: Stellantis Vigo.
“Estas cifras poñen de manifesto, en primeiro lugar, a pouca axilidade do Goberno de Pedro Sánchez, que se suma á discrecionalidade e á falta de transparencia amosada ata o de agora na xestión dos fondos, así como a dificultade de encaixe á que deben facer fronte algúns proxectos e os seus investimentos”, afirmou a viceportavoz popular. Ademais, apuntou que estes datos “amosan o pouco interese por parte do Goberno central en construír un novo modelo económico, con máis industrias e máis empregos”.
NOVO MODELO INDUSTRIAL
Marta Nóvoa asegurou que “Galicia está pedindo paso para ser un lugar atractivo para investir e contribuír ao novo modelo industrial desde a innovación, a dixitalización, a sostibilidade e o talento, polo que canto antes se resolva o apoio do Goberno central aos proxectos galegos, pasando das boas palabras aos feitos, antes serán unha realidade para os milleiros de galegos que esperan pola oportunidade”.
Para rematar, a viceportavoz popular alertou de que, de acordo co regulamento europeo polo que se establece o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, “o 70 por cento dos fondos destinados a cada país deberán estar asignados ou comprometidos xuridicamente a finais de 2022 e o 30 por cento restante o 31 de decembro de 2023 a máis tardar”.