Santiago, 12 de xullo de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se demanda aos concellos galegos a habilitación de mecanismos para proceder á devolución aos contribuíntes afectadas das cantidades indebidamente recadadas a través da plusvalía municipal, naquelas situacións de vendas de inmobles con perda nos que a regulación do imposto facía pagar este imposto. Para isto, demándase que esta devolución se realice do xeito máis eficaz posible e mediante procedementos áxiles, co fin de evitar a conflitividade neste ámbito tributario.
O portavoz de Facenda do Grupo Popular, José González, lembrou que a sentenza do 11 de maio de 2017 do Tribunal Constitucional declara inconstitucionais e nulos o cobro da plusvalía unicamente naqueles casos que someten a tributación situacións de inexistencia de incrementos de valor, é dicir, as ventas con perda. Ademais, dixo que “se trata dun imposto local, dos chamados potestativos, polo que os concellos poden decidir o seu establecemento ou non”. En concreto, explicou que en Galicia son 115 os concellos que teñen tipos aprobados para aplicar este imposto.
SIMPLIFICAR ESIXENCIAS
José González manifestou que os procedementos de devolución da plusvalía cobrada indebidamente polos concellos “deberán simplificar as esixencias probatorias aos contribuíntes para poder acreditar a venta a perda co fin de facilitar a recuperación por parte dos afectados das cantidades indebidamente recadadas, ao tempo que se evita a xudicialización dos procedementos”.
“A principal preocupación dos concellos ten que ser a axilización das devolucións da plusvalía indebidamente cobrada”, sinalou o portavoz popular, quen puntualizou que “a protección dos dereitos dos cidadáns esixe que os concellos dean unha resposta áxil e simple aos afectados, e non se amparen en supostas responsabilidades do Estado lexislador para demorar a devolución das cantidades indebidamente cobradas”.
ARREDOR DE 18.300 CASOS EN GALICIA
Recollendo os datos do informe da tasadora TINSA, González indicou que o número de casos en Galicia nos que se pagou plusvalía sen que a vivenda houbera incrementado realmente o seu valor sitúase arredor dos 18.300 desde febreiro de 2013, que é a data tope para reclamar a devolución do imposto.
“Moitos destes casos correspóndense con propietarios de pisos comprados na época de prezos altos, é dicir, do 2000 a 2009, e que se venderon en momentos nos que os prezos das vivendas experimentaron unha forte baixada”, explicou. Ademais, engadiu que “trátase maiormente de xente humilde que non puido soster as súas hipotecas e tiveron que malvender as súas vivendas, estando a devolución media arredor dos 4.500 euros”.
MODIFICACIÓN LEXISLATIVA
Así mesmo, a proposición non de lei aprobada hoxe incorpora a solicitude ao Goberno central para que proceda á modificación do texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais no relativo ao imposto sobre os incrementos de valor dos terreos de natureza urbana, aos efectos de axeitala ás ultimas sentenzas do Tribunal Constitucional.
“Esta modificación é unha competencia estatal, e o obxectivo é evitar que se siga recadando a plusvalía nos supostos nos que non hai incremento de valor”, sinalou o portavoz popular.