Santiago, 3 de setembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a regular, antes de finalizar o 2019, as excepcións á prohibición de pastoreo que se prevén no apartado 2 do artigo 43 da Lei 3/2007, de prevención e extinción de incendios de Galicia, sempre que se acrediten perdas de difícil reparación ou a inexistencia de alternativas ao pastoreo dentro da mesma comarca. Así mesmo, o Grupo Popular apoiou solicitar á Xunta que elabore un mapa de solos que os clasifique en función das súas aptitudes, incluíndo un catálogo de solos de alta produtividade agropecuaria.
O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco, lembrou na súa intervención que “a prohibición de pastorear en zonas queimadas por un incendio vén dunha lei aprobada en tempos do Goberno bipartito da Xunta, ante a que o actual Goberno galego introduciu, na Lei de montes de Galicia de 2012, a excepción a esta prohibición sempre que se acreditaran perdas de difícil reparación ou inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas polos incendios forestais, sempre que no se trate de superficies arboradas queimadas ou non sexan zonas declaradas como de alto risco e de alta actividade incendiaria”.
Así mesmo, Blanco explicou que esta demanda “foi posta de manifesto polos comparecentes que pasaron pola Comisión de Estudo sobre os incendios forestais en Galicia, e recollida posteriormente no ditame, recomendacións que a Xunta xa está a seguir”. “Por iso, e tendo en conta o consenso entre os expertos e os grupos parlamentarios, presentamos hoxe esta proposta”, indicou.
MAPA E CATÁLOGO DE SOLOS
Por outra banda, o Grupo Popular tamén apoiou a aprobación doutra proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta que elabore un mapa de solos. Así, o portavoz popular indicou que “a Consellería do Medio Rural xunto co Grupo Popular estamos traballando na elaboración dunha nova Lei de recuperación e posta en valor das terras agrarias, na que se contempla un mapa de usos agroforestais e un catálogo de solos de alta produtividade e especial aptitude agropecuaria e forestal de Galicia”.
“Este mapa de usos agroforestais reflectirá o uso das terras de carácter agroforestal no momento da súa elaboración e servirá de base para a planificación das actuación do conxunto de órganos da Administración galega, das entidades do sector público autonómico con competencias relacionadas no desenvolvemento rural e de todas aquelas entidades interesadas na ordenación e xestión das terras agroforestais”, explicou.
Moisés Blanco apuntou que a elaboración do catálogo de solos “será o resultado dun proceso de participación pública, no que poderán realizar aportacións os axentes locais, os entes municipais, as cooperativas, as organizacións profesionais agroforestais, os colexios profesionais, os centros de investigación, universidades, organizacións ambientalistas, os grupos de desenvolvemento rural e todas aquelas entidades ou persoas interesadas na xestión do territorio agroforestal”.