Santiago, 29 de xuño de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno de España que rectifique o disposto na Lei de residuos estatal, ampliando o prazo que teñen os concellos de máis de 5.000 habitantes para implantar a recollida de biorresiduos, seguindo o establecido na directiva europea, que fixa o límite en decembro de 2023.
“Non é admisible que de xeito unilateral e sen razóns de peso o Goberno de Pedro Sánchez fixe para dentro de dous días a entrada en vigor dunha norma cuns prazos inasumibles para a práctica totalidade dos administrados aos que está dirixida”, sinalou a portavoz popular de Medio Ambiente, Marisol Díaz.
Na súa intervención, Marisol Díaz sinalou que a extensión do contedor marrón será “un novo e importante paso no ciclo da xestión dos residuos, co que, obrigadamente e antes do esperado, imos segregar estes refugallos contribuíndo a incrementar as taxas de reciclado, dar debido cumprimento aos obxectivos marcados polas directivas europeas e recuperar todo o potencial da fracción orgánica como nutrinte para o solo”.
Porén, lamentou que o Goberno central, “ao máis puro estilo intransixente da ministra Rivera”, publicou o pasado 8 de abril a Lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular, un texto que no seu artigo 25 establece que todos os concellos de máis de 5.000 habitantes deben ter implantada a recollida da quinta fracción a partir de mañá, día 30 de xuño de 2022.
PRAZOS MÁIS RESTRITIVOS QUE A UE
“Introduce prazos moito máis restritivos que os fixados pola Unión Europea para implantar a recollida da fracción orgánica, reducindo en 18 meses o prazo ditado por Bruxelas e pola Comunidade galega, e que pon aos pes dos cabalos a 113 concellos galegos, que deberán facer fronte a sancións de 100.000 euros por incumprir a normativa estatal”, lamentou.
Marisol Díaz explicou que o recorte dos prazos para a entrada en vigor desta normativa “só ten dúas explicacións: que o Goberno de Pedro Sánchez e Rivera non ten nin a máis mínima idea do que realmente ocorre no territorio e non lles importan absolutamente nada os concellos; ou que esta medida só ten un afán recadatorio, por só en Galicia a contía das multas podería alcanzar os 10,8 millóns de euros”.
“A Xunta está e seguirá estando cos concellos, aínda que a xestión dos residuos domésticos sexa unha competencia municipal, para axudarlles a cumprir coas obrigas e cos obxectivos marcados na estratexia comunitaria”, sinalou a portavoz popular de Medio Ambiente, Marisol Díaz. Así, lembrou que o Goberno galego “leva meses apoiando ás entidades locais no proceso de implantación da recollida separada dos residuos de materia orgánica, co obxectivo de que poidan adaptarse o máis rápido posible ás directivas europeas e aos prazos fixados nesta materia”.
AXUDAS EUROPEAS ATA MÁIS ALÁ DE 2024
A portavoz popular sinalou que o Goberno central “é perfectamente consciente de que os concellos necesitan axudas para realizar o esforzo inversor que esta nova fracción de residuos necesita”. Mostra disto é que nos fondos europeos do mecanismo de recuperación e resiliencia as liñas de axudas de maior contía son as referidas á separación de biorresiduos, “nun recoñecemento tácito de que esta separación non se está realizando na actualidade”.
A través destas liñas de axudas, os concellos poden adquirir desde contedores a instalacións de compostaxe, “pero a súa execución esténdese ata máis alá de 2024, polo que se formula un horizonte de execución que está máis en liña coa directiva europea que coa Lei estatal”, sinalou.