Santiago, 17 de decembro de 2019.- O Parlamento galego aprobou esta tarde a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2020, unha norma que “permite a baixada de impostos e a actualización das taxas administrativas, ademais de resolver cuestións que están dificultando a aplicación dalgunha outra normativa e permite axilizar trámites que melloran a relación da cidadanía coa Administración”.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, negou que na tramitación desta lei “se furtara o debate” e asegurou que se trata dunha norma “absolutamente constitucional e que respecta o espírito da sentenza do Tribunal Constitucional”. “As reformas que se fan nesta lei foron faladas e pactadas cos colectivos afectados, porque en ningún caso se fan reformas as agochadas, senón despois de terllas explicado á cidadanía”.
NON ENTENDER Á OPOSICIÓN
Paula Prado asegurou “non entender as críticas da oposición a esta lei, porque fan unha cousa onde gobernan e din a contraria en Galicia”, lembrando que o Goberno socialista e nacionalista da Comunidade Valenciana presentou este ano a Lei de medidas como en anos anteriores pero cun matiz: este ano presentárona ao marxe dos orzamentos.
Na súa intervención, Prado explicou que esta Lei permitirá cuestións tan importantes como a práctica eliminación do imposto de sucesións, facilitar a sucesión de empresas familiares; promover a adquisición de vivendas en zonas pouco poboadas, coa menor tributación de España; implantar unha dedución verde para favorecer a eficiencia enerxética dos fogares; crear 22 novas escalas de persoal funcionario para facer efectivo o proceso de funcionarización voluntario do persoal laboral fixo, así como a creación da Escala Superior de Orientación Laboral; facilitar o coñecemento e o control da actividade desenvolvida polas vivendas de uso turísticos; blindar a limitación no número de autorizacións de instalacións de salóns de xogo, salas de bingos e tendas de apostas; e ampliar o prazo de vixencia das declaracións de impacto ambiental de catro a seis anos.
Así mesmo, coa nova lei “dáse un paso máis na regulación da contratación dos servizos de arrendamento de vehículos con condutor, ademais da súa contratación previa e a necesidade de que esta se documente”. “Clarifícase legalmente a antelación mínima de quince minutos que debe darse entre a contratación previa do servizo e a súa prestación material por parte da empresa, reservándose á actividade de taxi a prestación de servizos de carácter discrecional, contratados ao momento nas paradas ou a través dos medios establecidos para o efecto”, apuntou.
REGULACIÓN DE VIVENDAS DE USO TURÍSTICO
Paula Prado tamén se referiu á modificación da regulación sobre as vivendas de uso turístico, “acorde e coherente co modelo turístico de excelencia, calidade, sustentabilidade e de garantía dos dereitos das persoas usuarias turísticas”. Neste sentido, considerou “necesario velar por unha prestación dos servizos turísticos que garanta a axeitada protección dos dereitos das persoas usuarias, que evite erros e confusións respecto das actuacións amparadas pola normativa turística que atenten contra tales dereitos e contra a boa fe nas transaccións comerciais”.
Para rematar, a viceportavoz popular manifestou que coa aprobación desta lei establécese a nivel legal un sistema público de xestión da biomasa que garanta a máis eficaz e eficiente actuación das administracións públicas competentes na materia de prevención de incendios forestais, coa finalidade da súa diminución e a conseguinte protección da seguridade das persoas e dos bens.
“Tamén se fomenta a mobilización de terras a través do programa de Aldeas Modelo, co obxectivo de articulalas como un sistema para a recuperación e posta en valor dos espazos circundantes a núcleos de poboación, e que sirvan para fomentar a mobilización de terreos a través de actuacións integradas de recuperación da capacidade agronómica do perímetro do proxecto, así como da rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística”, engadiu.