Santiago, 25 de maio de 2021.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a toma en consideración do proxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental da Empresa, “un centro sen ánimo de lucro, en forma de fundación de interese galego, unha entidade cen por cento galega, que inviste en educación superior e que vai crear emprego de calidade e ampliar a oferta no eido da educación universitaria galega”, manifestou o portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro.
Neste sentido, asegurou que este proxecto “non vai representar gasto público e, polo tanto, non vai substraer nin un só euro do financiamento das universidades públicas de Galicia”.
Ovidio Rodeiro afirmou que esta iniciativa universitaria “incrementa a liberdade de elixir Galicia para moitos estudantes, xa que non hai que esquecer que en España un de cada seis estudantes de grao elixen a universidade privada e un de cada tres estudantes de máster elixen a universidade privada”.
EXPEDIENTE VALORADO POR 11 ORGANISMOS
Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que a Xunta recibiu unha petición da Universidade Intercontinental da Empresa, “amparado na lexislación vixente, e procedeu á súa longa tramitación correspondente”. “Este expediente foi revisado, valorado e informado ata once veces por onde organismos distintos, que emitiron os seus ditames correspondentes, entre eles informes favorables da Conferencia General de Política Universitaria do Estado e do Consello Galego de Universidades”, apuntou.
“O Goberno galego aposta pola universidade pública, xa que temos as taxas universitarias máis baixas de España e somos a terceira comunidade autónoma española que máis financia a súa universidade pública”, indicou Rodeiro. Neste sentido, insistiu que “a aposta da Xunta polas tres universidades públicas non é incompatible co feito de que Galicia consiga por primeira vez na súa historia unha universidade privada de servizo público e no marco dunha fundación sen ánimo de lucro”.
O portavoz popular concretou que a Xunta destina este ano ás universidades galegas 451 millóns de euros, “un récord histórico de investimento e de transferencia ás universidades e mantendo conxeladas as taxas por décimo ano consecutivo, o que supón un aforro ás familias galegas de 21 millóns de euros cada ano”. Ademais, dixo que a Xunta “xa está traballando nun novo plan de financiamento universitario para o período 2022-2026, planificando coas universidades a incorporación de 15 novas titulacións de máster e 10 novos graos, de xeito que se axuste a oferta de títulos aos novos perfís profesionais da vindeira década”.
COMPLEMENTARIEDADE
Polo tanto, asegurou que “afirmar, como fan o PSdeG e o BNG, que esta lei prexudicará ás universidades públicas galegas é unha mentira absoluta, froito dunha postura ideolóxica ancorada no século XIX e produto dunha postura populista clásica do século XXI”. Así mesmo, engadiu que a sentenza 74/2019 do Tribunal Constitucional aclara que non se lle pode prohibir por lei ás universidades privadas impartir titulacións xa existentes na pública. “Na lei non hai duplicidade senón complementariedade, e por iso a Xunta xa traballa no novo mapa de titulacións que deberá ser complementario e non reiterativo”, explicou.
“En España hai preto de 40 universidades privadas e en Galicia, ata o de agora, ningunha”, sinalou o portavoz popular, quen anotou que “somos a única comunidade autónoma de España que ten máis de unha universidade pública e que non conta con ningunha universidade privada”.