Santiago, 15 de abril de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central que continúe coas melloras iniciadas no ferrocarril Ferrol-Xixón, contemplando actuacións nos seguintes ámbitos: limpeza, roza e mellora da liña; mantemento e mellora das estacións; estudio de posibles novas estacións e apeadoiros en función da demanda; mellora progresiva do material rodado; e revisión das frecuencias actuais conforme á recuperación da demanda. Así mesmo, demándase o establecemento de procedementos claros de actuación no caso de que se produza calquera tipo de incidencias nos que primen a calidade do servicio e o confort do usuarios.
O deputado popular José Manuel Balseiro lamentou que o acordo final non incorporara todas as demandas formuladas a través dunha emenda do Grupo Popular, “pois as peticións do PSOE eran moi pouco ambiciosas e minimalistas”. Con todo, “decidimos votar a favor, incorporando un punto da nosa emenda, para facer posible o acordo, na esperanza de que non quede en mera propaganda e o Goberno central teñan vontade real de mellorar os servizos”.
En concreto, os deputados do PSdeG non quixeron incorporar as peticións do PPdeG para incrementar o persoal, especialmente maquinistas; ou para a inmediata ampliación de horarios e frecuencias, empezando pola reposición dos servizos eliminados ao amparo da pandemia sanitaria, en aras de recuperar e incrementar a demanda dos usuarios.
RESPONSABLES DO DESMANTELAMENTO
José Manuel Balseiro criticou que “desde que goberna o PSOE en España o ferrocarril FEVE non incorporou ningunha mellora”. “Son responsables do desmantelamento da liña de vía estreita que une Oviedo con Ferrol, xa que eliminaron servizos, frecuencias, horarios e ata a venda presencial de billetes”, apuntou.
? Unanimidade no Parlamento galego para reclamar do Goberno de España melloras na liña de #Feve entre Ferrol e Xixón.
Desde que goberna o PSOE desmantelaron este servizo público e eliminaron frecuencias, horarios e ata a venda presencial de billetes. Agardamos que rectifiquen! pic.twitter.com/KXNx5L9Osx
— Jose Manuel Balseiro (@BalseiroLugo) April 15, 2021
Deste xeito, Balseiro lamentou que “o que pretenden os socialistas galegos con esta iniciativa é gardarlle as costas ao Goberno de Pedro Sánchez ante o abandono amosado coa liña Ferrol-Xixón e con todo o ferrocarril galego”, polo que demandou que “o servizo sexa acorde ás necesidades reais dos usuarios e os trens que circulen por esta liña sexan dignos e acordes ao século XXI, e que non sexan obxecto de continuas avarías que obrigan a suspender o servizo”.
“Hai que ter moi presente que nestes momentos hai un único servizo de ida e volta, polo que esta mínima oferta dificulta e condiciona a mobilidade dos veciños e usuarios do tren das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña lucense”, concretou. Por este motivo, apuntou que “non nos cansaremos de trasladar ao Goberno central que mellorar a mobilidade ferroviaria en Galicia é unha prioridade”.
Fronte a esta situación do transporte ferroviario, José Manuel Balseiro destacou a actuación da Xunta, “que mellorou moito o transporte en autocar con máis frecuencias, bonificacións e incluso facendo descontos aos viaxeiros que fan transbordo procedentes do antigo FEVE”.