O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España unha serie de actuacións para mellorar o estado no treito internacional do río Miño, como avaliar o cumprimento do caudal ecolóxico, desenvolver un plan de loita contra especies invasoras, promover a dragaxe sostible e controlada, harmonizar normativas e facilitar a xestión da biomasa, actualizar o regulamento de navegación, reforzar a inspección de embarcacións de pasaxeiros ou protexer estrutural e patrimonialmente as pesqueiras.
O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, explicou que esta iniciativa parlamentaria recolle demandas realizadas por alcaldes, veciños, clubs deportivos, pescadores e empresarios turísticos “ante os problemas gravísimos que se cronificaron no treito internacional do río Miño pola desidia do Goberno de España e a conivencia dos seus socios”.
COMPROMISO DA XUNTA
En concreto, referiuse á xestión irregular do caudal ecolóxico; á proliferación de especies invasoras, que están desprazando a fauna e a flora autóctonas; a sedimentación do leito fluvial, agravada pola prohibición absoluta do dragado; a falta de harmonización normativa entre as dúas marxes do río; a obsolescencia do regulamento de navegación; o descontrol no transporte fluvial de pasaxeiros; e a necesidade de preservar as tradicionais pesqueiras.
“A Xunta leva anos demostrando o seu compromiso co Miño, pero a dimensión transfronteiriza e multisectorial dos problemas deste río esixe a implicación activa do Goberno de España, implicación que ata o día e hoxe brilla pola súa ausencia”, sinalou o viceportavoz popular. Neste sentido, asegurou que “a Xunta ten cumprido coa súa parte, con investimentos reais, coa promoción do río como recurso turístico e ambiental, e con iniciativas para a conservación do ecosistema, pero sen unha implicación do Goberno central moitas destas actuacións atopan un muro de incompetencia e silencio”.
García Comesaña pediu que o Goberno central “se sente a falar cos alcaldes do territorio e que trate ao Miño como o que é: un patrimonio natural e cultural único, un activo para o desenvolvemento rural e un exemplo de colaboración internacional”. “Estamos ante un problema real que afecta directamente á calidade de vida dos veciños e á sustentabilidade ambiental do territorio”, apuntou.
RÍO IGNORADO POLO GOBERNO CENTRAL
“Non podemos permitir que o Miño se converta nun río ignorado polas administracións, nin pola súa historia, nin pola súa riqueza ecolóxica, nin polo que representa para a identidade galega e para a cooperación entre pobos irmáns como Galicia e o norte de Portugal”, manifestou.
Para rematar, o viceportavoz popular cualificou de “oportunista” a preocupación amosada en días pasado polo BNG pola situación do río Miño, propoñendo a creación dunha autoridade única de gobernanza transfronteiriza, “unha fórmula maximalista que nin concretan, nin executan, nin defenden ante o seu socio preferente: o PSOE”. “Non deixa de chamar a atención que, mesmo nesta cuestión, o BNG evite criticar con claridade ao Goberno de Pedro Sánchez, chegando incluso a evitar o seu apoio neste Pleno a esta iniciativa aprobada polo Grupo Popular”, subliñou.