Santiago, 19 de decembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, co apoio do Partido Socialista e a abstención de En Marea e BNG, a través da que se solicita ao Goberno galego que desenvolva as bonificacións horarias nas peaxes das autoestradas da titularidade autonómica (A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona), así como que elabore unha proposta de medidas para remitir ao Goberno do Estado dirixidas á rebaixa das peaxes na AP-9 e AP-53.
Por último, demándase ao Ministerio de Fomento que ratifique o compromiso adquirido polo anterior Goberno do PP para que as futuras obras da AP-9 non se financien con cargo a novas subas de peaxe, senón a través dos orzamentos do Estado, así como liberalizar a peaxe de Redondela.
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, lembrou que o Congreso aprobou o pasado martes 11 de decembro a toma en consideración da proposición de lei remitida polo Parlamento galego solicitando a transferencia da AP-9 á Comunidade galega. “Confiamos que esta tramitación no Congreso finalice con éxito para Galicia, pero tamén consideramos necesario que se inicie agora, en paralelo, a negociación na comisión mixta de transferencias para comezar a abordar e a falar das condicións do traspaso”, sinalou.
“Os galegos non podemos seguir soportando ese nivel de encarecemento permanente cada ano da peaxe da AP-9, motivado polo convenio ruinoso que asinou en 2011 o Goberno socialista de Zapatero a través do que as peaxes desta autoestrada subirán un 1 por cento acumulativo anual durante 20 anos para pagar as obras de ampliación da autoestrada, e a un interese fixo do 8 por cento anual”, sinalou.
SUBAS NA AP-9
Neste sentido, Martín Fernández lembrou que a AP-9 subiu no mes de outubro case un 2 por cento as súas tarifas e volverán subir o 1 de xaneiro un 3,47 por cento, un incremento de máis do dobre do que se aplicará no resto de autoestradas estatais, onde as tarifas subirán, de media un 1,67 por cento”. A estes incrementos, hai que engadir “novos agravios con Galicia por parte do actual Goberno de España, xa que mentres autoriza esta suba das peaxes na AP-9, libera de peaxe a AP-1 entre Burgos e Armiñón e baixa un 30 por cento as peaxes das autoestradas radiais de Madrid”.
O portavoz popular salientou que nesta proposición non de lei “comezamos por pedir ao Goberno da Xunta, antes que a ninguén, que desenvolva as bonificacións horarias nas peaxes das autoestradas da súa titularidade: A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona”. “O obxectivo é que se poidan beneficiar das bonificacións anunciadas do 50 por cento en horario nocturno non só os transportistas, senón todos os usuarios que empreguen estas autoestradas desde as doce da noite ata as seis da mañá”, indicou.
“Tamén lle pedimos á Xunta que elabore unha proposta de medidas para reducir o impacto das peaxes na AP-9, dándolle traslado deste estudo ao Ministerio de Fomento”, manifestou Fernández Prado, quen apuntou que “queremos que o Ministerio valore esa proposta da Xunta e avalíe outras posibles medidas de flexibilización para que negocie a súa implantación coa empresa concesionaria a curto prazo”. Así mesmo, apuntou que “pedimos que estude o traslado desas medidas de flexibilización de peaxes tamén á autoestrada AP-53”.
Por último, o portavoz popular considerou “necesario insistir ante Fomento nese compromiso adquirido polo anterior Goberno do PP de que as futuras obras na AP-9 non se financiarán con cargo a novas subas de peaxe, senón a través dos orzamentos do Estado, para evitar situacións como as que estamos vivindo agora, con esa escalada nos prezos das peaxes da AP-9”.
“E, por suposto, que o Ministerio cumpra, á maior brevidade, o compromiso existente de liberar a peaxe de Redondela, como veñen demandando todos os veciños e os sectores sociais, económicos e empresariais, e como xa temos demandado desde este Parlamento”, subliñou.