Santiago, 26 de maio de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que priorice o despregamento de banda larga nas zonas brancas menos poboadas e dote de cobertura ás zonas que non dispoñen de servizos básicos de telefonía dixital.
Para isto, considérase necesario que o Ministerio teña en conta as achegas dos concellos e da Xunta, como institucións máis próximas á realidade e mellor coñecedoras das necesidades do seu territorio.
A deputada popular Noelia Pérez lamentou que “logo de once anos de traballo nos que a transformación dixital de Galicia foi unha prioridade, aínda existen algúns núcleos de poboación galegos que a día de hoxe contan aínda con nula ou insuficiente conectividade ou con nulos ou insuficientes servizos básicos de telefonía”.
ESPECIAIS CARACTERÍSTICAS DE GALICIA
“Galicia é un territorio particular polas súas especiais características de dispersión poboacional e orografía, polo que precisa dunha dotación económica suficiente en zonas que ata agora sempre se consideraron como investimentos non rendibles”, sinalou.
Noelia Pérez concretou que “o que defendemos é que o Goberno de España, a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, atenda as peticións da Xunta e dos concellos galegos para canalizar conxuntamente os fondos europeos e que se invistan de xeito eficaz e eficiente en Galicia”. “Pedimos pactar o básico co obxectivo de acertar nas decisións, porque, no que levamos visto ata agora, os criterios pensados para o despregamento en zonas de alta densidade de poboación non funcionan ou son insuficientes para solventar as eivas nos núcleos”, engadiu.
COMPETENCIA DO GOBERNO CENTRAL
Na súa intervención, a deputada popular lembrou que o Goberno central “é o organismo competente en materia de telecomunicacións e tamén quen conta con fondos europeos para financiar e poñer en marcha actuacións que incrementen as redes de telecomunicacións, e tamén é o que establece as zonas de actuación ás que se poden destinar os fondos públicos e o que establece as zonas que se inclúen nas convocatorias de axudas anuais”. Ademais, apuntou que “as comunidades autónomas precisan da autorización do Estado para a posta en marcha de calquera actuación orientada ao impulso destas redes de telecomunicacións”.
“Non imos consentir un reparto discrecional dos fondos destinados a conectividade e dixitalización, porque a conectividade é un dos principais retos ao que se enfrontan os concellos galegos nos vindeiros anos non só para a mellora da súa competitividade empresarial, a innovación e a cohesión territorial, senón tamén pola súa contribución á inclusión social e á mellora da calidade de vida dos seus veciños”, rematou Noelia Pérez.