Santiago, 17 de setembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central o incremento do continxente arancelario de lombos de atún da Unión Europea, de 55.000 toneladas ao 0% de arancel, no marco das negociacións que se levarán a cabo para a apertura e modo de xestión de continxentes arancelarios autónomos para produtos da pesca no período 2021-2023.
Así mesmo, solicítase unha comprobación rigorosa e exhaustiva para que as importacións realizadas cara á UE neste ámbito cumpran escrupulosamente a igualdade de normas respecto dos produtos xerados polas industrias europeas, así como se teña especial vixilancia no sostemento dun marco igualitario de produción e traballo.
COMPETITIVIDADE DA INDUSTRIA GALEGA
O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos salientou a importancia da industria conserveira galega, que produce o 85 por cento das 240.000 toneladas que se producen cada ano a nivel nacional e exporta o 90 por cento do total español.
“O sector conserveiro galego non só é altamente competitivo, senón que ademais constitúe un pilar esencial na estrutura socioeconómica de Galicia, pero ten que ver como se limita o despregue de todo o seu potencial por unha evidente incomprensión das súas necesidades por parte das autoridades comunitarias”, sinalou.
Por este motivo, Pazos sinalou que “o Parlamento galego debe demandar unha defensa deses intereses por parte do Goberno de España, de xeito que cese o estrangulamento da cadea mar-industria mediante un continxente de lombos suficiente”.
GARANTIR A IGUALDADE
“Galicia é unha potencia conserveira de relevancia mundial, con capacidade para competir en calquera mercado internacional e con potencial dabondo para incrementar a súa cota de mercado se non se limita a súa competitividade”, manifestou o deputado popular. Por este motivo, engadiu que “Galicia precisa que se garantan condicións de igualdade respecto dos seus principais competidores, ao tempo que se garanta o acceso a materias primas en condicións de competitividade e se eliminen as trabas burocráticas que entorpecen o correcto abastecemento de materias primas indispensables para a nosa industria transformadora”.
Alberto Pazos subliñou que “Galicia non está a demandar ningún privilexio, senón que desaparezan os privilexios para así poder competir en condicións de igualdade, porque cando iso aconteza os consumidores elixirán en función da calidade do produto e a elección será Galicia”.
Video Intervención: http://mediateca.parlamentodegalicia.es/library/items/comision-8-pesca-marisqueo-2020-09-17?part=5f865c26-7d7b-493a-846c-d4ba704fe7bd&start=5417
Enlace Iniciativa: http://www.ppdegalicia.com/index.php/gl/novas-3/item/4685-pnc-para-o-incremento-do-continxente-arancelario-de-lombos-de-atun-e-o-control-das-importacions