Santiago, 2 de decembro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei, co único voto favorable do Grupo Popular, a través da que se solicita ao Goberno de España a ampliación das dotacións nos orzamentos xerais do Estado para o programa de Seguridade Cidadá, co fin de poder facer efectivo o incremento en Galicia dos efectivos policiais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como da Unidade de Policía Adscrita, atendendo con iso o incremento nas demandas de seguridade requiridas en Galicia durante o ano Xacobeo 2021.
Así mesmo, demándase unha partida específica para apoiar e contribuír ao establecemento de dispositivos de seguridade específicos nas comisarías e postos policiais, así como na Catedral de Santiago de Compostela.
O deputado popular Alberto Pazos criticou que “desde a chegada ao poder de Pedro Sánchez, o Goberno de España ten iniciado unha deriva de permanente castigo a Galicia, que ten acadado un dos seus cumios coa aprobación do orzamento do Estado para 2021”.
“Unha das mostras máis evidentes desta falta de compromiso orzamentario con Galicia é o feito de que as partidas económicas específicas dedicadas ao vindeiro Ano Xacobeo alcanzan os cero euros”, sinalou Pazos, para lamentar que “o acontecemento de maior relevancia cultural e turística que vai ter lugar en España durante o ano 2021 foi totalmente ignorado polo Goberno de España”.
Neste sentido, apuntou que o primeiro compromiso esencial para o bo desenvolvemento dun evento deste nivel é “ampliar os efectivos policiais para garantir a súa seguridade”. Alberto Pazos manifestou que “un goberno responsable no pode eludir as súas responsabilidades coa seguridade do Xacobeo 2021 e para iso debería incrementar as demandas de seguridade requiridas en Galicia e dotar dunha partida específica para apoiar o establecemento de dispositivos de seguridade específicos en comisarías e postos policiais, así como na Catedral de Santiago”.
MÁIS EFECTIVOS PARA A POLICÍA AUTONÓMICA
O deputado popular lembrou que na actualidade a Unidade de Policía Autonómica de Galicia conta con 387 efectivos, “moi lonxe dos 500 previstos na súa creación”. “Pero, o máis grave, é que para o vindeiro ano está previsto que o seu número de efectivos se reduza a 381, co agravante da celebración do Xacobeo 2021 e o necesario incremento de seguridade para ese evento, ademais das novas actuacións relacionadas coa pandemia da Covid-19”.
Diante desta situación, Alberto Pazos subliñou que o Goberno galego “xa preveu no seu orzamento para 2021 unha partida de un millón de euros para mellorar a seguridade na Catedral de Santiago, ao tempo que o Grupo Popular no Congreso presentou varias emendas relacionadas con temas xacobeos a través das que se piden 24 millóns de euros para actuacións no vindeiro ano”.