O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio dos deputados do Grupo Socialista, a través da que se esixe ao Goberno de España que cumpra coas compensacións económicas correspondentes ao parón da actividade extractiva dos mariscadores da ría do Burgo ata que os bivalvos acaden a talla comercial unha vez finalizado a dragaxe da ría do Burgo, tal e como establece o estudo ambiental aprobado en 2017.
O deputado popular Jesús María Fernández Rosende lembrou que “a propia execución da dragaxe da ría do Burgo supón a indispoñibilidade dos terreos para calquera actividade incompatible coas obras, entre elas o marisqueo, o que obriga ao Goberno central, como administración promotora desta obra, a habilitar as imprescindibles compensacións aos profesionais obrigados aos cese de actividade”.
FONDOS SUFICIENTES
“Porén, lamentablemente, o Goberno de Pedro Sánchez non atendeu esta obriga nin as reiteradas demandas realizadas tanto desde a Xunta como os propios mariscadores para recibir estas indemnizacións, que debería cubrir todo o tempo que se deixou de traballar a consecuencia da dragaxe, incluído o período que transcorre desde que se finalizaron as obras ata que os bivalvos sementados, que serán obxecto de futura explotación marisqueira, acaden a talla comercial”, lamentou.
Fernández Rosende indicou que “esta situación resulta máis indignante se temos en conta que o Goberno de Pedro Sánchez dispón de fondos suficientes para facer efectiva estas compensacións gracias ao remanente de 16 millóns de euros que sobraron do orzamento previsto para a realización da dragaxe, xa que a obra foi orzamentada en 48 millóns de euros pero ao final o custo reduciuse a 32 millóns”.
“Non existen razóns legais nin tampouco económicas para que o Goberno central desatenda a súa responsabilidade unha vez rematadas as obras de dragaxe, e ten a obriga de manter un plan de axudas que compensen aos mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo en A Coruña ata que se recupere a normalidade e retomen a súa actividade habitual”, apuntou.
ABRIRLLE OS OLLOS AO GOBERNO CENTRAL
O debate desta proposición non de lei celebrado na Comisión 8ª do Parlamento galego foi presenciado en directo por unha representación dos mariscadores afectados, quen en boca do seu portavoz, Manuel Baldomir, agradeceu esta iniciativa do Grupo Popular para “abrirlle os ollos ao Goberno de España con respecto á mala finalización das obras de dragaxe da ría do Burgo e ás compensacións que por dereito nos corresponden”.
“Lamentamos a actitude do Partido Socialista utilizando datos irreais da situación e rexeitando acudir ás mesas de negociación que a Confraría mantén abertas, así como cando afirman que so foi o Goberno do Estado quen investiu en sanear a ría do Burgo, porque un dos requisitos era ter un vertido cero na ría do Burgo e iso conseguiuno a Xunta a través obras para a separación de augas fecais e pluviais, a construción de estacións de bombeo ou o investimento na EDAR de Bens para mellorar o tratamento das augas”, apuntou.