Santiago, 3 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a aprobación urxente dun permiso retribuído a nivel estatal para as nais e pais cuxas nenas e nenos estean en corentena. Así mesmo, o Grupo Popular incorporou a emenda do BNG que demanda, entretanto o Goberno español non cumpre con esta solicitude, que a Xunta cree unha liña de axudas directas extraordinarias para garantir o dereito de conciliación perante novos gromos e repuntas da COVID-19.
O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, lamentou que “nos veñamos obrigados a traer de novo a este Parlamento galego esta cuestións ante a evidencia de que o Goberno de España non parece ter a intención de cumprir os seus propios compromisos”. Neste sentido, lembrou que distintos membros do Goberno de España, entre eles o vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais, ou a ministra galega de Traballo e Economía Social, anunciaron que adoptarían cambios normativos para permitir que os pais de fillos en corentena preventiva dispuxeran dunha baixa laboral retribuída que lles permitira atendelos.
Ademais, o Parlamento galego aprobou, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei o pasado mes de setembro a través da que se demandaba á Xunta a aprobación de axudas directas extraordinarias para o coidado de menores e persoas dependentes, así como dirixirse ao Goberno central para que aprobe un permiso retribuído a nivel estatal para as nais e pais cuxas crianzas estean en corentena.
SEN NOTICIAS DO GOBERNO CENTRAL
“Transcorridos máis de dous meses deste acordo, e a pesar de estar en pleno proceso de tramitación dos orzamentos xerais do Estado, nos temos ningunha noticia do Goberno central sobre a súa vontade de cumprir este compromiso, nin se ten producido avance algún para solucionar un grave problema de conciliación que obriga a escoller entre atender aos fillos ou atender ao traballo”, sinalou.
Alberto Pazos afirmou que “a realidade que estamos a comprobar é que as prioridades de gasto de Pedro Sánchez pasan por satisfacer calquera pretensión dos seus socios que lle permitan manterse no poder, acompañado dunha permanente actitude de genuflexión con continuos golpes de efecto que nunca se concretan en medidas efectivas”.
COMPROMISO DA XUNTA
Fronte a esta falta de compromiso por parte do Goberno central, Pazos salientou que a Xunta está a equiparar de forma progresiva os permisos de maternidade e paternidade, así como facilitar incentivos económicos para o fomento do teletraballo ou da flexibilidade horaria, e axudas para garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida laboral e familiar.
De cara ao vindeiro ano, os orzamentos da Xunta recollen un incremento do 41 por cento dos recursos destinados á conciliación, ademais de axudas a concellos e entidades locais para o fomento da conciliación e a promoción da igualdade.