Santiago, 9 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia volveu demandar hoxe ao Goberno central a construción dun buque de acción marítima nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, así como a súa incorporación ao Pacto de Estado por Ferrol, a constitución dunha Zona Franca no porto de Ferrol e a inclusión nos orzamentos xerais do Estado para 2022 da partida necesaria para a construción das fragatas F-110. Así mesmo, demándase que o Goberno galego poña en marcha unha Delegación da Xunta en Ferrol no horizonte do primeiro trimestre do vindeiro ano.
O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, sinalou que “aquí estamos, por décimo mes consecutivo, cumprindo o noso compromiso de solicitar ao Goberno de Pedro Sánchez a construción inmediata dun barco-ponte que dea carga de traballo inmediata a Navantia en Ferrol”. Neste sentido, lembrou que tanto BNG como PSdeG votaron a favor desta demanda a última vez que se debateu no Parlamento galego, “pero de nada serviu o seu paripé porque o Goberno do Estado non cumpre o que pedimos”.
Tellado lembrou que os orzamentos do Goberno de Mariano Rajoy para 2018 incluían unha partida de 250 millóns de euros para iniciar os traballos de cinco fragatas F-110, “uns cartos que non se executaron nin en 2018, nin en 2019, nin en 2020 e tampouco o veremos neste 2021”. Por este motivo, criticou que “desde que a administración socialista tomou o mando de Navantia retrasáronse sine die os proxectos das fragatas F-110, foron incapaces de captar novos investimentos, perdéronse sucesivos contratos internacionais e negáronse a contratar un BAM en Ferrol, pero si o fixeron para os estaleiros de Navantia en Cádiz”.
Diante desta situación, o viceportavoz popular recordou que a Xunta promoveu a sinatura dun Pacto de Estado por Ferrol, consensuado coa Deputación Provincial, os concellos de Ferrolterra, institucións públicas e privadas, axentes económicos e sociais, e tecido empresarial. Porén, lamentou que “a resposta do Goberno de Pedro Sánchez a este Pacto de Estado foi o máis absoluto silencio e nin se dignaron a contestar”.
Para rematar, manifestou que “os responsables desta situación son el partidos que sustentan ao Goberno de España e que apoiaron a Pedro Sánchez na súa investidura”, e acusou ao BNG de “ter feito presidente ao político máis centralista e que máis atacou ao noso autogoberno da historia democrática de Galicia”.
PACTO DE SILENCIO SOCIALISTA
No debate dunha proposición non de lei sobre o sector industrial galego, Miguel Tellado criticou aos socialistas por “propoñer un pacto pola industria, cando o que queren é un pacto de silencio e que calemos ante os abusos que está cometendo o Goberno de Pedro Sánchez con Galicia”.
“A industria galega non necesita un pacto, necesita que desde o Goberno central deixen de atacala, necesita un prezo da luz razoable que permita ser rendible e necesita un apoio directo do Estado para non ter que marcharse de Galicia”, manifestou.
O portavoz popular concretou que “as políticas industriais e de transición enerxética do Goberno de España están supoñendo a destrución do tecido empresarial galego e a posta en perigo de 15.000 empregos”, polo que lamentou que “os pirómanos queren ensinarnos a apagar os lumes”. “Son as políticas do Goberno de Pedro Sánchez as que están provocando situacións como as de Vestas, Alcoa ou As Pontes; as que están destruíndo o tecido empresarial galego e abandonando á nosa industria; e as que están provocando que o prezo da luz alcance máximos históricos, arruinando tanto ás familias como ás empresas galegas”, asegurou.