O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se insta á Xunta de Galicia a priorizar as accións que desenvolva no marco da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) e que permitirán á Comunidade galega desenvolver de xeito pleno, máis autónomo e efectivo as políticas para protexer e xestionar a nosa costa.
O portavoz popular de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, afirmou que “o pasado 1 de xullo de 2025 foi e será para sempre un dia histórico para Galicia porque é cando entra en vigor o decreto polo que esta comunidade asumiu as funcións e servizos traspasados polo Estado en materia de xestión da costa”. “Esta data marcou un fito para a Comunidade autónoma, porque desde entón asumimos o autogoberno pleno sobre o noso litoral, a primeira cesión competencial á Xunta en 17 anos”, apuntou.
MÁIS ACTUACIÓNS EN MARCHA
Neste sentido, lembrou que desde esa data a Xunta xa puxo en marcha o visor web, que recolle a información cartográfica necesaria para a aplicación da norma; creouse a Comisión interdepartamental de coordinación da ordenación do litoral; constituíuse o Foro do Litoral; aprobouse a Estratexia de Economía Azul de Galicia 2024-2027; estase traballando nas directrices de ordenación do litoral; adaptáronse os procedementos de competencia autonómica de autorización na zona de servidume de protección á nova Lei de ordenación do litoral; unificáronse nun formulario todas as solicitudes de autorizacións no litoral; e creouse o novo servizo Galicia Litoral, co que se ofrece a través da web da Consellería e do 012 información sobre consultas ao respecto dos procedementos.
De cara ao futuro, Gonzalo Trenor explicou que a Xunta xa está a traballar no concurso para unificar a estética dos establecementos hostaleiros de tempada e no procedemento integrado para a obtención de títulos no litoral, asociado á posta en marcha dun rexistro do litoral que dará conta das autorizacións e das concesións outorgadas.
Así mesmo, o portavoz popular destacou os máis de 2 millóns de euros que a Xunta ten previsto investir o vindeiro ano nunha senda que una a Galicia costeira de norte a sur, ao tempo que tamén se unificará nunha aplicación informática toda a información dispoñible sobre o litoral galego e se crearán reservas de solo nas que desenvolver actuacións de iniciativa pública que contribúan a mellorar o medio ambiente, o patrimonio natural e o cultural.
Por último, Gonzalo Trenor referiuse á revisión e actualización do catálogo de bens de valor cultural do litoral e o programa de revitalización do patrimonio do litoral, que permitan a recuperación de edificacións xa existentes de especial valor arquitectónico, histórico e cultural, garantindo ao mesmo tempo que os novos usos que se dean a estes inmobles non poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección cultural.