O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se insta a Xunta e ao Goberno de España a comprometerse con todas aquelas medidas, especialmente as orientadas á repotenciación dos parques eólicos antigos, que supoñan unha mellora medioambiental ao mesmo tempo que garanten un uso eficiente dos nosos recursos. “Debemos seguir avanzando para continuar sendo referentes en xeración de renovables imprescindibles para acadar unha Galicia máis verde, sen esquecer ese binomio enerxía-industria ao que non podemos renunciar”, sinalou o portavoz popular de Industria, Rubén Lorenzo.
“A repotenciación de plantas de enerxía renovable existentes ten un potencial significativo para contribuír á consecución dos obxectivos en materia de enerxías renovables”, manifestou o deputado popular, quen apuntou que “para aproveitar ao máximo o noso recurso co máximo respecto polo medio cómpre apostar pola eficiencia”.
SITUACIÓN ACTUAL
Neste sentido, explicou que “o feito de ser un territorio pioneiro na instalación de parques eólicos motivou un importante desenvolvemento do sector nun primeiro momento, que derivou nunha situación actual na que as zonas con mellor recurso eólico xa están ocupadas, que estas zonas teñen parques antigos que non resultan o máis eficientes a día de hoxe e que moitos parques estean próximos ao fin da súa vida útil”.
Para afrontar esta situación, Rubén Lorenzo avogou por adoptar medidas “dun xeito ordenado e sen improvisacións”. Así, concretou accións como a repotenciación dos parques eólicos cunha antigüidade superior aos 25 anos, excepto que nos proxectos autorizados se fixase unha vida útil superior para os aeroxeneradores; dar un prazo de 18 meses para comezar a tramitación desde que chega a esa antigüidade; garantir a seguridade xurídica, de xeito que a autorización inicial permanecerá vixente ata que a nova autorización para a repotenciación adquira firmeza en vía xudicial; ou garantir a viabilidade técnica e económica da actuación.
“Todas estas medidas permitirán a Galicia seguir avanzando para aumentar a seguridade industrial das instalacións, conseguir unha maior produción de enerxía coa mesma potencia instalada gracias ás novas tecnoloxías, reducir significativamente o número de aeroxeradores no territorio e, todo isto, no novo marco enerxético definido pola Lei de recursos naturais”, afirmou.
O portavoz popular engadiu que estas repotenciacións dos parques eólicos “teñen por obxecto reducir o seu impacto no territorio e no medio ambiente, procurando, como mínimo, unha redución á cuarta parte dos aeroxeneradores existentes, chegando a unha redución dun 80 por cento dos muíños de vento existentes nos vindeiros oito anos”. Así mesmo, apuntou que as repotenciacións “aumentarán a súa produción entre un 20 e un 40 por cento con respecto á actual”.