24 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a que mediante comunicados ou calquera medio de difusión traslade aos titulares das explotacións avícolas as medidas a adoptar nas súas explotacións de cara a evitar a transmisión e o posible incremento de focos de gripe aviaria na Comunidade galega.
O deputado popular José Antonio Armada explicou que a gripe aviar “é unha das patoloxías máis nocivas para as explotacións avícolas, tanto polos elevados niveis de morbilidade e mortalidade que producen, como polas importantes restricións comerciais que a súa presenza implica para o sector da avicultura”. Deste xeito, considerou “totalmente transcendental afondar nas medidas máis estremas e, en todo caso, potenciar aquelas iniciativas encamiñadas a achegar toda a información dispoñible e actualizada da situación epidemiolóxica e recordo na necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade das granxas, sobre todo evitando o contacto con aves silvestres”.
MEDIDAS ADOPTADAS
“A pesar de que Galicia se atopa á cola das comunidades autónomas con máis casos de influencia aviaria de España, a Xunta adoptou de forma inmediata medidas preventivas e recomendacións”, sinalou Armada. En concreto, aplicáronse restricións nas zonas de especial risco (ZER) e zonas de especial vixilancia (ZEV); procedeuse ao control dos movemento das aves de importación ou internos desde zonas con focos declarados, tanto da Unión Europea como de España; intensificouse a vixilancia; remitiuse información aos concellos; e realizáronse visitas periódicas de control sanitario ás explotacións avícolas nas zonas ZER e ZEV.
Na actualidade, Galicia conta con sete concellos declarados Zonas de Especial Risco-ZER (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa, todos na provincia de Pontevedra) e 29 máis designados como Zonas de Especial Vixilancia-ZEV (Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Zas e Vimianzo, na provincia de A Coruña; Ribadeo e Trabada, en Lugo; Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, en Ourense; A Guarda, Moaña, Pontevedra, Poio, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Marín e Meis, na provincia de Pontevedra)
Así mesmo, a Xunta inclúe entre as medidas a adoptar o confinamento das instalacións interiores das aves domésticas criadas no exterior, a prohibición da crianza conxunta de anátidos con outras especies de aves de curral ou a protección de comedeiros e bebedoiros situados no exterior das instalacións, “todas elas orientadas a impedir o contacto das aves domésticas coas silvestres, así como a prohibición de determinadas concentracións de aves de curral ou doutro tipo”, apuntou o deputado popular.